Opinión

Atrápame se podes

Nesta comedia negra que protagoniza a clase política, infestada de corruptos e corruptas, aínda faltaba algo para completar o cadro. Xa temos ese algo. Déunolo Francisco Nicolás Gómez Iglesias, máis coñecido como O pequeno Nicolás, que, obviamente, nada ten que ver co famoso neno dos libros infantís de Réné Goscinny, tamén autor de Astérix o Galo, Lucky Luke e O Gran Visir Iznogud.

Le petit Nicolas, creado por Goscinny na metade do pasado século, era un cativo de seis anos moi pillabán que contaba a súa historia en primeira persoa. Agora ben, as aventuras deste meniño eran absolutamente inocentes, claro está, comparadas coas do Nicolás real, acusado de estafa, falsificación de documentos e usurpación de identidade.

I é que Nicolás Gómez Iglesias non se conformaba con timar ás persoas coñecidas que o arrodeaban para obter pequenos beneficios. El tiña obxectivos ben máis ambiciosos, así é que conseguiu introducirse nos círculos de poder político e económico sen que ninguén, en principio, sospeitase nada. Movíase entón por eses ambientes coma un peixe, e, coma sempre sucede nestes casos, todas as persoas que mantiveron unha relación amistosa e profesional con el, agás algunha que outra, foron desaparecendo do mapa. Imaxino que por temor ao ridículo, dada a súa condición de inocentes ou inxenuas, porque neste escenario penoso que contemplamos case cada día, a vergonza non vai asociada ás condutas desprezábeis, practicadas frecuentemente pola clase política -malversación, fraude, prevaricación...-, mais ao feito de as padecer da man doutros.

En resumo, que a condición de crédulo/a semella suscitar maior hilaridade e repulsa que a de corrupto ou corrupta. Polo menos iso parece, se temos conta da cara tan dura coa que moitas e moitos se declaran inocentes, ou descoñecedoras do que sucedía ao seu redor, malia as evidencias da acusación, coa consabida liberdade condicional e recuperación de comodidades previas ao encarceramento, no caso de o haber. Daquela, insisto, xa temos ese algo que nos faltaba para darlle un toque kitsche a este cadro de costumes bochornoso -ben podemos denominalo así dado o carácter recorrente da trampa nestes ámbitos-, protagonizado pola devandita clase política. Que será o seguinte? A verdade é que pon medo escoitar os informativos, pois todo parece indicar que o peor aínda está por chegar. Velaiquí a sociedade do espectáculo -tan ben analizada por Guy Débord (1931-1994)- no seu mellor momento. E aínda haberá máis? E haberá.

Te puede interesar