Bones of contention

Bones of contention

Énecesario volver atrás? Por que razón? Ata que punto pode un retorno ao pasado sandar  feridas?. Todas estas preguntas son necesarias e ben pertinentes para valorar a importancia da Memoria Histórica. Existe un tempo que non podemos capturar, porque xa pasou. O que foi vivido, para ben ou para mal, faise irrecuperábel, e, polo tanto, imposíbel de mudar. Entón, por que afondar nos crimes cometidos polo fascismo no seu esplendor?, poderán preguntarse moitas persoas. 

É máis, é posíbel curar o que foi danado remexendo na lameira? A todas estas cuestións, poderíamos contestar con outras diferentes e interrogarnos, por exemplo, ao respecto do esquecemento. Entón, borrar o que aconteceu favorecerá a desdramatización? Ata que punto é posíbel eliminar a dor que oprime os familiares das vítimas do franquismo? 

A verdade, faise curiosa a pretensión da dereita, porque iso de que é mellor calar e deixar os corpos nas cunetas non eliminará a anguria das familias. A actitude despótica dun goberno que lles nega un dereito lóxico, enterrar os seus seres queridos, non axudará a superar un drama deste calibre. En que tipo de agrupación humana, sexa familiar ou de amizade, se resolven os problemas co silencio? Tapar, ocultar, agochar -elíxase o verbo que máis rabia dea- son formas de proceder conservadoras e profundamente pusilánimes, pois tan só revelan medo. Medo a verdade. Medo a ter que recoñecer algo que non se desexa recoñecer, porque no propio recoñecemento se interpreta un fracaso. Isto de ver no recoñecemento dos erros unha derrota é propio dun estado inmaduro na medida en que non se sente capaz de facer fronte ás súas miserias. Nese intento de meter a porcallada polo baixo da cama, ao goberno sáenlle máis e máis ataques por todas as bandas. 

Aí esta a cineasta Andrea Weiss, que vén de presentar Bones of contention -Pero que todos sepan que no he muerto-, un documental que aborda, novamente, esta cuestión da Memoria Histórica. 

Moi aconsellábel o seu visionado, pois, alén dalgúns “defectos” que se lles poderían achacar nunha análise máis fonda, relacionados co carácter redundante da narratividade do filme, trae de volta unha cuestión moi importante que foi silenciada durante anos: a persecución de gays, lesbianas e trans* durante o imperio do ditador. Daquela, facer visíbel o que era un segredo a voces dará paso a verdade, porque migún relato histórico se completa ata que os/as vencidos/as refiren a súa parte. Non é posíbel sandar feridas mediante un silencio imposto, porque ese silencio alimenta a flor da rabia, fornece o odio, provoca distancia, separa, rompe, pisa, violenta.