Opinión

Celebración

Hoxe é un día de celebración. A homenaxeada este ano, María Victoria Moreno, tivo ao longo da súa vida unha actitude exemplar ao respecto da nosa lingua, porque, malia ser de orixe extremeña, fixo o esforzo de se integrar en Galiza. “Chegou a Galiza -explica o poeta Rábade Paredes, quen coincidiu con ela en Lugo- disposta a integrarse nun país que ten unha cultura -e continúa- (…) foi cabal e honrada na súa transmisión. Por iso nos foi tan mal naquela etapa da vida a moitos, por nos comprometer, por explicar a literatura cabalmente”. 

Neste sentido, á marxe da súa aportación á literatura infantil e xuvenil -lémbrese o famoso "Anagnórese"-, alén de dous ensaios -"As linguas de España" e "Diario da luz e a sombra"-, se hai algo de conmovedor na nosa homenaxeada, é o seu bo facer como mestra -algo que suliñan moitas persoas do ámbito cultural- e esta defensa militante do idioma. Ao respecto disto, faise interesante a visión de Fina Casalderrey, por exemplo, que pon enriba da mesa unha cuestión importante. Refírome á percepción que temos de que Victoria Moreno é nosa, de aquí. “Era galega -di Casalderrey- porque así o quixo. Onde estivo máis anos foi aquí por iso eu considero que é nosa”. Esta cousa de a sentirmos nosa é real, así que facelo explícito é ben interesante para que se comprenda unha das razóns desta homenaxe. 

Iso si, cómpre matizar que a causa desta sensación colectiva nace, por riba de todo, de que ela propia se considerou galega ao vivir como unha máis, facendo uso da nosa lingua na fala e na escrita. Non tanto polo tempo que viviu nesta terra, que, obviamente, tamén foi un factor determinante. Tendo conta disto e da situación crítica do idioma galego, paréceme moi acaído o adxectivo “exemplar” para valorar a actitude de Moreno, porque entendo que podería/debería ser un modelo para moitas outras persoas que, sendo de aquí, endexamais empregan a nosa lingua argumentando que o falan mal ou que foron educadas en castelán e se lles fai “raro” e difícil usalo. Se o feito de se facer algo raro fose un argumento sólido e non unha percepción absolutamente subxectiva para non falar un idioma, ninguén estudaría inglés ou alemán, que son ben máis exóticos. En todo caso, vai ser mellor poñer o foco no desfrute da autora -hai que fixarse no positivo para evitar cabreos inútiles-, isto é, destacar o seu coidado e intelixencia para recoñecer a nosa cultura, ademais de confíar na súa exemplaridade. A ver se para o 2019 levamos outra alegría e lle dedican o Día das Letras Galegas a Carballo Calero, Xela Arias ou Luísa Villalta. A ver...

Te puede interesar