Opinión

Cizaña

Que a cizaña crea mal rollo é evidente. Aí está Yago, o personaxe da obra de Shakespeare, que, morto coa envexa que tiña de Otelo por gozar do amor de Desdémona, non parou de malmeter ata fracturar a confianza que o protagonista da obra tiña na súa esposa. O final foi terríbel. Otelo asasinou a Desdémona. Este crime machista, alén de constituír unha proba máis da existencia dun poder patriarcal que obxectiviza as mulleres, posuídas como se fosen cousas, deixa tamén constancia doutros aspectos interesantes da natureza humana cos que non se debería contemporizar. Refírome, por exemplo, a construción e bombardeo de mentiras, eses microrrelatos penosos, cuxa finalidade é, en moitos casos,  sementar odio onde hai harmonía e provocar, polo tanto, un enfrontamento entre persoas que, antes de ser lanzado o bulo, mantiñan unha relación sá e moi cordial. 

A verdade, afondar en condutas deplorábeis coma esta de meter cizaña,  pode levarnos a descubertas curiosas das que aprenderemos moito. A pouco que reflexionemos atoparemos a causa, que, como ben se sabe, non é outra que a envexa. Unha vez conscientes disto, deberiamos abandonar a chea de tópicos que soltamos por non ficar calados/as. Iso de, “é peña chunga” ou “non fagas caso, esa xente está amargurada”, non vale ren. Por que? Porque iso xa está claro. Unha persoa feliz, contenta e orgullosa de quen é, non precisa de actitudes de rata de cloaca para poñerse por riba doutra á que envexa. En primeiro lugar porque xa non sente iso, dado que non ten tempo de arelar o que outras persoas teñen ao andar metida no seu proxecto persoal máis importante: ser a mellor versión dela mesma e punto redondo. Quen teña sido vítima da envexa saberá ben de que vai o tema e comprenderá que as devanditas ratas de cloaca son infecciosas, odiadoras, odiadas e profundamente infeli-ces.

 É importante ter presente entón o alto grao de insatisfacción de seu porque o que máis envexan cizañeiros e cizañeiras non son os cartos, que tamén. Nin sequera a beleza ou a xuventude. O que de verdade lles provoca gran sufrimento é a ledicia. Simplemente. Isto é o que debemos repetir a quen se sinta prexudicado/a pola envexa allea: “ri aínda máis, ri mellor”. A ledicia é un estado estético, poético, atlético e mental. Non debería sorprender tanto que isto irrite ás “ratas de alcantarilla”, como di un amigo meu, porque tal estado non é sinxelo de acadar. Dende logo non está feito para “mantas”. Hai que curralo moito.

Te puede interesar