Opinión

Complexos

Seica o conxunto de ideas, emocións e tendencias, en xeral reprimidas e asociadas ás experiencias do suxeito (chegando a perturbar o seu comportamento), é o que se entende como complexo. Daquela, e tendo en conta a defensa que da lingua, literatura, arte e tradicións, fan os escritores/as da Galiza que escriben en galego, non entendo a desafortunada frase do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, na que califica a cultura de noso como ‘ensimesmada e acomplexada’. Non só non a entendo, evidentemente tampouco a comparto, pois os/as creadores non se abaixan, é máis, claman orgullosos/as, a través da súa escrita, a nosa identidade. Contan o mundo en galego, dende unha perspectiva galega. Por isto, a idea de que a nosa cultura sexa acomplexada paréceme irreal, froito da inxenuidade inconsciente, vertebrada nun cerebro en castelán que, tristemente, descoñece o país de seu. Eis o problema do Conselleiro, a ignorancia. Isto, o feito en si de descoñecer, é, dende calquera punto de vista que se contemple, dunha gravidade extrema, pois a vítima dese mundo de sombras que constitúe a incultura ou impericia, é unha persoa da que dependen decisións que afectan ao noso desenvolvemento cultural. Porén, aí estamos, nun tramo borroso e escuro, como escuros foron os séculos nos que sufrimos asoballamento e castración.


Por outro lado, o empregar tamén o adxectivo ‘ensimesmada’, algo significativo sae á luz, a saber, o profundo desprezo polas culturas minoritarias. Para o facer, o Conselleiro recorre a demagoxia, un ‘tic’ político que a dereita parece non poder eliminar, e deixa caer que existe un afán endogámico. Faino porque sabe que esta palabra é políticamente incorrecta, que se asocia ao nepotismo e que, públicamente, orixina rexeite. Moi arteiro, o señor Varela, mais esqueceu algo importante, que a uniformidade é letal para o entendemento humano. Convén potenciar as peculiaridades, exportar o noso produto, o xeito en que os/as galegos/as temos de mirar o mundo. Isto non é endogamia nin, por suposto, impide a propia internacionalidade, é dicir, a fusión, que non confusión, con outras realidades culturais, algo que enriquece, non só a cultura de noso, mais tamén a dos países non galegos. Entón, non debe estrañarnos que os galardoados/as co Premio Nacional de Literatura como O’Rivas, Suso de Toro, Xavier Do Campo, Fina Casalderrey, Rubén Rubial, Fernández-Paz e Beramendi, entre outros, escribisen unha carta solicitando a dimisión de Varela. Unha vergoña que na Galiza teñamos que pasar por isto.


Te puede interesar