Opinión

Corpos transitivos

De Corpos transitivos quédome coa enerxía que desprenden os versos ben cicelados, escritos coa teima dunha voz que se resiste ao silencio. Os poemas de Elvira Riveiro (Cerponzóns, 1971) escollen “o ridículo de existir/ ao ridículo de calar”. É esta unha toma de posición ante a escrita que sitúa a Riveiro entre as mellores poetas coas que contamos, na medida en que posúe, non só un discurso interesante, mais tamén certa mestría na construción do poema. Sabe conxugar a beleza coa intensidade, así é que ben poderiamos dicir que é unha desas voces completas, porque contén a emoción no punto exacto para lanzar despois a frecha xusto onde proe.

Faise curioso, ademais, ese xeito en que xoga con nós. Con aparente suavidade condúcenos á intemperie. Lévanos da man a ese lugar fatídico onde o abismo abre as portas á realidade. Talvez por iso ler o que escribe é como viaxar en barco, unha sobe e baixa por riba das ondas deses textos ao tempo que pode albiscar o que sucede. É contundente - “o que pisamos non é un territorio/ é un extenso inmensurábel campo/ de concentración”-, irónica - “o bordo do corpo/ que agora vaga nómade sen servizos informativos/aos que aferrarse...”-, clara - “a terra é un cadullo inmenso”- e sabe facernos rir con xogos de palabras que evidencian o propio divertimento co que estes poemas foron escritos, porque Elvira Riveiro disfruta escribindo. Unha proba disto é o devandito gusto pola ironía -“Tanto tempo en chegar a neolíticas para acabar outra vez transhumantes” -, que, por outra banda, deixa ver, nalgún caso, unha preocupación innecesaria polo enxeño.

En definitiva, insisto, a contundencia e a contención son os trazos máis sobresaíntes deste libro e doutros que lle teño lido. Riveiro é unha xenia cando espeta o dardo no centro da miseria: “a esperanza non me seduce/ mesmo na fraqueza/ que delata o preámbulo da vellez/(...) mesmo no receo podo constatar coa firmeza que dá o inchazo/ das bochas nunca cauterizadas que/ a esperanza/ monstro inútil/ non me seduce”. Estimo entón, especialmente, a determinación para chantar nos poemas o que quere e o que non: “non porei dique ao mar muros de contención/ contrafortes machóns tentemozos”. Xa o fixo en Carnia Haikai -VI Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas- e volve facelo agora neste Corpos transitivos, galardoado co XVII Premio Avelina Valladares. Elvira é, tal e como ela escribiu en Carnia Haikai, a poeta omnívora, coa enerxía das que non cantan as pombas i as frores.

Te puede interesar