Opinión

Emma Suárez

A noite dos Goya foi emocionante para moitas actrices e cineastas. Un recoñecemento moi merecido o de Raúl Arévalo, pola súa excelente ópera prima Tarde para la ira. Tamén para Bayona, un dos máis galardoados, por Un monstruo viene a verme, ou para Ana Belén, que recibiu o Goya de Honra á súa traxectoria. No entanto, tivo de ser ben especial para Emma Suárez, con dous Goyas dun só golpe. Un deles, como mellor actriz principal, por Julieta, a peli de Almodóvar na que fai un traballo fantástico. O outro, como mellor actriz secundaria, por La propera pell, o filme de Isaki Lacuesta e Isa Campo. “!Dios mío! -exclamaba sorprendida Suárez, cando lle foi entregado o segundo premio da noite- ¿qué hago aquí otra vez, Bárbara Lennie -nominada por María (y los demás), o primeiro traballo na dirección de Nely Reguera-, Penélope Cruz -nominada por La reina de España, de Fernando Trueba-, Carmen Machi -nominada por La puerta abierta, de Marina Seresesky- ?. 

Recibir dous Goyas non é peccata minuta! Podemos entón imaxinar a ledicia inmensa, e, por riba de todo, a sorpresa. Como non sorprenderse? No entanto, á marxe disto, o recoñecemento é xusto. A interpretación da actriz faise sempre impecábel, aínda que o tiña moi difícil, porque o traballo das outras tres nominadas tamén foi excelente. O que sucede cos premios é que non lle poden tocar a todo o mundo, xa se sabe. Esta vez foi o momento de Emma, outra vez será o de calqueras das outras. Deixando isto a un lado, se nos detemos nos dous papeis polos que foi nominada Suárez, faise difícil escoller un, porque tanto o personaxe de Julieta como o de Ana -esa nai amorosa de La propera pell- son ben interesantes. Se cadra neste último Emma resulta aínda máis convincente, algo ao que posíbelmente contribúe a sobriedade do enfoque que Isaki Lacuesta e Isa Campo lle deron ao thriller, que, en ningún momento, cae no melodrama. Cómpre suliñar isto, porque a historia prestábase. No entanto, insisto, o filme mantén a tensión ao longo dos 103 minutos de metraxe e consegue xerar no espectador certa angustia. 

En definitiva, desa noite, tan esperada polas persoas nominadas, quedémonos co recoñecemento dunha actriz deliciosa que, con 52 anos, pode seguir facendo papeis interesantes, algo que, no caso das mulleres, é bastante menos frecuente que no dos homes, pois, a día de hoxe, parece que ser nova é un mérito, pero non o é. O único mérito é o traballo ben feito. Só por iso deberían ser contratadas as actrices, pola precisión e arte na construción dos personaxes. Aí están Emma Suárez, Carmen Machi, Pilar Bardem, Mercedes Sampietro, Kiti Mánver, Laia Marull, Aitana Sánchez Gijón etc etc etc

Te puede interesar