Opinión

Esperanza

Dicía Audrey Hepburn -a Holly de Breakfast at Tiffany's-  que “os días vermellos son terríbeis, de socato séntese medo e non se sabe por que". Porque existen días negros, deses en que sucede algo que nos irrita, como un día de choiva/chuvia -elixan vostedes-, e parece que non temos xa ganas de nada, pero tamén os hai vermellos. Eses son os realmente terríbeis, porque, como explicaba Holly, sentimos medo, e, moito peor, non sabemos moi ben a razón. Ignorar que pode provocar medo forma parte dun proceso de autocoñecemento necesario, que, segundo avanzamos, permite descifrar, mediante a calma e a reflexión, que é iso que tanto nos agobia. 

Se nos poñemos freudianas, acudiremos ao pasado, concretamente á infancia, porque, parece ser que aí está a resposta de todo. Daquela, se aceptamos isto, calquera fantasma é case sempre antigo, perversamente pueril, e, por suposto, maligno, aínda que non sempre. Holly tiña moitos días vermellos, máis que nada por se sentía sempre desprotexida, así é que optou por mercar seguridade, como se isto fose posible. Nunca teremos a certeza absoluta de nada, porque, guste ou non, hai un mundo fantasmal que nos arrodea e necesitamos saber convivir con el. Case nada! Heráclito, o filósofo, tamén sentiu medo. E raiba. E impotencia. Por iso e mais polo noxo que lle producía a civilización á que “pertencía”, tomou a decisión de liscar. Marchou vivir ao monte. Seica durante un tempo non lle foi mal. Iso si, non todo dura eternamente, así é que esta felicidade rematou por crebar. 

O de Éfeso pillou, cando menos o esperaba, unha hidropesía, que puxo freo ao seu soño liberador de volver ao estadio salvaxe para vivir separado, un desexo recorrente en moitas persoas. Normal. Como non soñar, de cando en vez, con separármonos daquilo que nos manca?. Se os días negros afectan ao noso sentido do humor, que non farán os vermellos? Xuntar demasiados días desa cor rechamante provoca tanta canseira, que corremos o risco de non confíar, de abandonar a esperanza. Que triste, verdade? Porque podemos perder seres queridos, libros ou cartos. Podemos, incluso, perder o traballo, mais non a esperanza, por favor.

Que facer sen esa previsión inchada de optimismo, que nos induce a perseguir xigantes ou exércitos de Alifanfarón na procura de xustiza? Pouca cousa, a verdade. É coa esperanza coa que imos construíndo o que somos, a medida que visualizamos a persoa que soñamos ser. De acordo con isto, podemos considerarnos homes e mulleres inacabados/as, como afirmaba Bloch en Principio Esperanza, e, por suposto, mellorábeis. Menos mal!

Te puede interesar