Opinión

Muller asasinada

Mal. Así están as cousas. Moi mal. O pasado domingo Virginia Ferradás, de 55 anos, foi asasinada, “presuntamente”, polo seu marido José Alén, de 59 anos, en O Carballiño. Segundo explicaron Sabela Pinal e Monchi Sánchez neste xornal, asfixiouna. A policía chegou ao domicilio, despois de ser alertada polo cuñado, quen, ao ver que non daban sinais de vida, preocupouse moito. Ao entrar na vivenda, atopouse o corpo de Virginia tirado no chan. 

O “presunto asasino”, aínda no interior da casa, tiña un coitelo nas mans e ameazaba con suicidarse, pero non o conseguiu. Os axentes de seguridade impedíronllo. Daquela, José Alén fíxose varios cortes polo corpo e foi conducido ata o hospital, para que o atendensen. Que vai pasar con el? Polo de agora non se sabe moi ben como se resolverá o asunto, xa que, posibelmente, sexa ingresado en psiquiatría. E así están as cousas. Curioso, verdade? El vivo no hospital, e ela asasinada. Virginia Ferradás é a quinta vítima mortal de violencia machista no que vai de ano, unha violencia esta que, de non tomarmos medidas dende todos os ámbitos, fundamentalmente dende o educativo, poderá ir en aumento. Ou sexa que se agora estamos mal, poderiamos estar peor. É o que ten vivir nun heteropatriarcado e negar que este existe, despolitizándo a violencia contra as mulleres, pretendendo facela pasar por algo puntual ou, aínda peor, culpabilizándoas por non saber con que se emparellan e, xa que logo, “permitiren” graves faltas de respecto, que, co paso do tempo, chegan á agresión física. 

Este sector neomachista da sociedade penaliza as mulleres por poñeren en perigo a súa vida e perseveraren en relacións con homes machistas. Vitimización dupla entón? En efecto. A día de hoxe, as mulleres violentadas son consideradas, polo sector máis rancio, maltratadas, ergo idiotas. É isto así? En absoluto. Vítima e idiota non son sinónimos. Esas mulleres que padecen agresións son unicamente vítimas dun sistema capitalista patriarcal que as induce á obediencia, mediante a construción do seu desexo. Que desexan? O que é natural! O que é iso? Ser esposa e nai. Nese obxectivo, algunhas perden pé e deciden aceptar un compañeiro pésimo para non ficaren soas, porque a soidade produce temor, ansiedade e vergonza. Virginia Ferradás xa non poderá decidir nada e mudar o seu sistema de crenzas. Non pode porque a mataron. E así están as cousas, porque as deixamos estar.

Te puede interesar