Puño poético de Yolanda

Puño poético de Yolanda

Yolanda Castaño está novamente en racha. A poeta sorprendeunos este ano cunha nova publicación. Trátase dun libro que integra algúns dos seus poemas máis coñecidos acompañados das imaxes de corenta dos nomes máis salientábeis da ilustración galega. Figuran, por exemplo, os veteranos Miguelanxo Prado (1958) ou Siro López (1943) e as novísimas Paula Esteban (1991) ou Roberta Vázquez (1989). Estamos a falar entón dun Cómic Poético, xénero con certo éxito no mundo anglosaxón que a nosa poeta inaugura aquí para ledicia de todas as persoas que gostamos do que escribe. O puño e a letra  constitúe por tanto unha auténtica delicatessen que atrapará o público. Sen dúbida. 

Haberá amantes da poesía e do cómic que curiosearán este obxecto precioso con gran pracer, porque o pulso dos debuxantes e ilustradoras que puxeron cara ás palabras de Yolanda é impecábel e isto axuda a colocar o foco nese imaxinario literario dunha autora invertebrada -dada a súa voz elástica, que xira e se autorrecrea- e firme, pola rotundidade coa que ten abordado a cuestión da identidade, por exemplo, nos seus inicios poéticos. 

Escribo isto e penso nas imaxes de Alicia Jaraba Abellán nas que aparece unha rapaza cun sombreiro e dúas trenzas, que traerá á nosa memoria, a protagonista de L’Amant (1991) de Jean-Jacques Annaud, interpretada por unha Jane March absolutamente deliciosa. Que marabillosa escena a da moza do sombreiro co hórreo no fondo, que delicia tamén comprobar como o cinema atravesa os poemas de Castaño, que nos deixou enfeitizadas con aquilo de “O amante da China do Sur/ trouxo un cálido e húmido monzón ás miñas ideas./ Como se foron achegar/ o teu oriente coa miña fin do mundo”. Impresionada estou con este libro precioso que non teme a intensidade e á mestizaxe cultural e propón un atinado abrazo de dúas artes que envolven e namoran. Imposíbel non se deixar seducir por esta cousa bonita!