Opinión

Turist

Cando a gran masa de neve cae pola montaña, Thomas i Ebba están no restaurante do hotel coa filla e mais co fillo, comendo tranquilamente. Disfrutan dunhas agradábeis vacacións en familia nos Alpes até o momento da avalancha. A inmensa bóla branca, que, en principio, causa gran emoción en Thomas -colle o móbil para gravar todo- rompe a aparente harmonía familiar. Xusto no momento en que o alude se aproxima á terraza do restaurante e sentimos os berros da xente, Thomas deixa colgada á nai, que intenta protexer ás crianzas, e foxe. O pánico supera o instinto de protección que se lle presupón como pai.

Que sucede con Thomas? Non ama á familia? Que fariamos nós no seu lugar? Liscariamos coma el ou fariamos coma Ebba, a nai? Todas estas preguntas, amais da sorpresa ante este antiheroe, capturan ao público, que prestará máxima atención a todo o que sucederá a partir dese feito.

Ruben Östlund (Styrsö, 1974) con este cuarto filme, Turist, entra, unha vez máis -xa o fixera en Play- no entramado sutil das emocións humanas mediante a observación do seu comportamento, non sempre loábel. Nós, pola nosa parte, inevitabelmente atraídas/os pola prosposta de Östlund, poderemos meditar sobre a propia conduta e analizar en que medida esta conduta responde á imaxe que temos de nós mesmas/os. A autopercepción pode ser algo estrañamente complexo. Por iso o cinema e mais o teatro, como experiencias dramáticas, son tan interesantes, porque permiten comprobar o carácter poliédrico da propia identidade.

Somos o que dicimos ou o que facemos? Somos, se cadra, o que din de nós? Ou o que se espera de nós? E o que imaxinamos, somos tamén esa imaxe mental amábel que nos comprace? E que hai daquilo que non nos atrevemos a saber, iso que latexa dentro, esmorece co silencio ou fica aí, á espreita, para saír en calquera intre, como sucede con Thomas? O director sueco, constrúe, sen dúbida, un thriller emocional ben interesante, que non deixa indiferente a ninguén. Provoca ao público. É mordaz e displicente.

Revolve nas entrañas da clase media, ao poñer en tea de xuízo as convencións sociais cun afíado sentido do humor, así é que non hai melodrama. É dunha exactitude case matemática. Este inquietante filme, consegue coa metáfora do alude ameazante, facer visíbel a tensión das relacións humanas.

Se a isto lle engadimos a correcta interpretación de Johannes Bah Kuhnke -Thomas- e Clara Wettergren -Ebba-, amais dos planos fixos desa inmensa mole branca co seu rebumbio, ese bum bum cada certo tempo, o que obtemos é unha peli excelente. Non sorprende entón que recibise o premio do xurado en Cannes, na sección Un certain regard. Certamente, Ruben Östlund amosa, unha vez máis, que merece un lugar destacado no cinema europeo.

Te puede interesar