Opinión

Bob Dylan nos astaleiros

Dubidei en bautizar as miñas crónicas, sentimentais e afoutadas, nas augas que van do lírico ao épico, con este título, tan de Silvio Rodríguez, ou -directamente- co de “Canto que rola”. O único que tendo botado a vida ao son que marca o de Duluth (Minnesota), xa me parecía que tatuarme (eu, que levo no brazo dereito unha estrela de cinco puntas riba do nome Neda), aínda que simbólicamente, con Like A Rolling Stone pleonasmo fose, exceso. Así que con Silvio enceto esta boroa ou queixo frescal, falando de Bob Dylan, protagonista das “Xornadas Literarias” dos días 18, 19 e 20 de abril en Neda, vila triste coa crise dos astaleiros. E aínda así quen de baterse en loitas culturais como a de traer a repaso (literario, mais tamén musical; ese Luis Enrique Culshaw, cuspidiño a Dylan, ese grupo tan de garaxe, The Dylan Sessions, pechando as xornadas) a un fenómeno ben peculiar cal é este home, setentón, que fai que os textos bíblicos ou de amor ou de tendencia, reboten contra dun peirao no que o rock e o folk e o blues e o gospel e o country son música de músicas. Cal Bob Dylan, xeneral de moitas batallas, apuntador dun canón-guitarra que se xa non é a belixerancia do seu padriño, Woody Guthrie, si que sirve para derreter almas. E viña Dylan a Neda, aínda que non viñera, arroupado ademais de polos músicos xa citados (e a rapazada do IES Fernando Esquío, o noso grande trobeiro medieval, tan de Neda cal o ríos Belelle, brancura de muiños, muiñeiras e muíñadas) na compaña dos irmáns Candelas, Ignacio Freijomil (tan fan que cando nos conta como chegou, tarde, a Udine, sentir ao seu/ noso heroe, a Casa das Palmeiras de Neda era o valsiño de To Ramona), Antonio García Teijeiro, alentando cerne e tona poéticos, e o noso novo embaixador no Uruguai, Roberto Varela. Conselleiro que fora de Cultura e alumno meu, en Santiago, en La Salle, un ano que coidaba de amores perdidos (como en Shakespeare). Pero non. Que eu fora quen de inserilo, vía Blowin´ in the Wind, no mundo dylaniano. Ese que nós, dylanitas, que non dylanólogos, dylanófilos, nin tan sequera dylanistas, desenguedellabamos días pasados con fondo, en Fene, en Ferrol, de guindastres en silencio. Cal nas minas de Hibbing da nenez dylaniana. E iso si que non.

Te puede interesar