Manolo de Buciños explicita a metafísica de Casares na Ínsua

Manolo de Buciños explicita a metafísica de Casares na Ínsua

Abofé que a morte non existe, e Buciños demóstrao coa súa inspirada lembranza de Carlos Casares para a Ínsua dos Poetas. O seu é un monumento á obra escrita, o vestixio dun ser que loitou, e aloitou, coa vida, e as palabras. Desde 2012, en que morreu, o Carlos que foi palabra, e alento, xa é sombra. Ese home que coñeceu, e tratou coas súas continxencias humanas Manolo de Buciños é, por mor da súa obra escultórica, expresión do seu sentir, pegada humana harmoniosamente definida, coa man e antebrazo, que anticipan un corpo rexo e forte, que emerxe da terra, como a rocha na que se asenta.

Así, con esta parte dun todo corporal, agora incorpóreo, que se abre coa palma cara o leste e que sosterá, en breve, un libro... Man destra, aberta, man que en vida apertaba a vida, estreitando a dos amigos, acariñando as mulleres, e fillos, que sostivo primeiro o lapis e despois as plumas, das que tanto gustaba, e gastaba, como os puros habanos. Esa man que era mau de limiau, e foi mau de acordo, contén a esencia dunha vida que se explicará no libro-símbolo e o texto ‘Galicia, país de palabras’, que centra dende o título dun dos seus, ‘Un país de palabras’, a cerna do seu quefacer cotiá, Galicia. 

No entorno desta finca chamada de vello Eixán, e dende 2009 Ínsua dos Poetas, pola vontade de Luís González Tosar como ‘espazo público de cultura’ para que tódolos os que o desexen poidan desfrutala percorréndoa con liberdade, e a carón da memoria de Blanco Amor, Díaz Castro, Francisco Luís Bernárdez, Celso Emilio, Pura e Dora Vázquez, e os precursores Curros, Pondal e Rosalía, con monumentos alusivos, está xa o Casares escritor e personaxe pública contemporánea. Logo dos fastos do seu Día das Letras Galegas no pasado maio, e dos libros que lle dedicaron Ramón Loureiro, Henrique Monteagudo e outros, chega Manuel García Vázquez de Buciños e chanta para a nona Festa da Palabra nesta carballeira xa senlleira da Esgueva de Madarnás, nas terras do Carballiño, unha obra nacida para ser o intersignum da mesma.

A ‘convivio’ anual da Literatura e da Arte con música solemne dos Himnos de Galicia e de Ourense, interpretados polo grupo de gaitas do xoven mestre Marco Foxo, no silente falar da natureza. Aquí as abellas, e paxaros, evocados por Antón Pulido na quenda de palabra como artista premiado desta volta, cos seus lurbións de Bóveda de Amoeiro no eixo do seu bucólico discurso, noutras partes ouriolos, fanse presentes no sol do verán. Dende a súa evocación, achegounos á música e o voo de recolleita do melifluo néctar, que está na escolla de Buciños quen, dende o pequeno corpo de Carlos Casares Mouriño transformouno coas súas artes nun corpo que xermola e medra pois sínteo verdescente. Eis agora, dende esta sinécdoque metonímica de Manolo Buciños en forma de alegoría artística que nos podemos decatar que era un xigante que camiñou entre nós. Para residir na terra e, dende a lingua, con nós para sempre.