Opinión

Medio himno de Galicia

Un colega ten a teima de fiscalizar como andan de memoria os nosos representantes públicos nos solemnes actos nos que toca interpretar o himno de Galicia. Excepto contadas excepcións, case sempre en persoas con marcada sensibilidade nacionalista, os políticos e cargos institucionais non pasan da primeira estrofa dos versos escritos por Eduardo Pondal e musicados por Pascual Veiga. Non é hoxe día para dar nomes e menos sen autorización do notario. Tamén resulta excepcional que se escoite nalgunha ocasión ata a cuarta estrofa do poema 'Os Pinos', como aparece recollido na Lei de Símbolos de Galicia. 

"O 24 de febreiro de 1984, en recordación do nacemento de Rosalía e Castro, comeza as súas emisións a Radio pública galega. Soa o himno mutilado, até "Fogar de Breogán". 21 anos máis tarde, Emilio Pérez Touriño toma posesión como presidente da Xunta. Soa o himno, igualmente amputado. Entremedias, millenta ocasións oficiais e non oficiais en que, a despeito do establecido claramente na lei, letra e música ficaban reducidas á metade do seu texto e partitura. Incontábeis as ocasións en que parte do público -ás veces, moi poucas persoas- continuaban o canto até culminar a súa interpretación enteira". 

Son palabras que aparecen no opúsculo 'Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)' que publicou en marzo a profesora María Pilar García Negro e no que detalla os seus desvelos como deputada para recuperar o texto segundo saíu da pluma do bardo nado en Ponteceso. O ensaio resulta imprescindible para comprender o noso himno e ten partes nas que un escacha coa risa, como cando explica os motivos da Real Academia Galega e o Consello da Cultura para manter o texto deturpado.

Fai dous anos, durante o último partido do 'derbi' do Miño no que o Breogán e o COB xogábanse o ascenso á ACB de baloncesto, unhas 6.500 persoas entoaron os versos de Pondal a unha soa voz no pazo municipal de deportes Paco Paz. Nun momento máxico para o deporte galego, Dj Tibu, o animador cobista, decidiu cortar o himno no momento no que os afeccionados dos dous equipos dispoñíanse a cantar "fogar de Breogán" para que ninguén se equivocase de bando. Claro que se no Parlamento 'capan' o himno...

Te puede interesar