Opinión

O “Pilar" de Rosalía

María Pilar García Negro telefona de cando en vez para tomar un café ou acepta o convite se ten que contestar á chamada. Coa confianza de que non se amole pola lingua solta do chofer de anécdotas, o cariño é de ida e volta. A amizade principiou no desaparecido “Xornal de Galicia” e medrou ata non precisar pretextos para debullar a vida, ou o que cadre, dunha sentada. Sempre se aprende cunha muller que tanto loitou por Galicia e o galego. Pilar fala con autoridade retranqueira de literatura, de ensino, de política (Ana Pontón ocupou en 2003 o escano que deixou no Parlamento logo de 14 anos) ou saca brillo a lingua, coa que se lle dá nome a todo.

Como ningún pena xa con amenceres de resaca por noites de troula, en San Xoán do ano pasado quedamos nunha terraza da Mariña coruñesa. María Pilar García Negro viña cun fermoso agasallo. A Fundación Rosalía acababa de reeditar “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo” como primeiro anexo da revista “Follas Novas”, dirixida por Xosé Luís Axeitos. Esta análise da influencia da obra rosaliana na conciencia de xénero mereceu en 2010 o XV premio de ensaio Vicente Risco convocado polo padroado do escritor ourensán e os concellos de Allariz e de Castro Caldelas. A editorial Sotelo Blanco publicou a obra premiada, tivo  unha magnífica acollida entre estudosos e apaixonados da “fundadora da literatura galega e símbolo nacional indiscutíbel de Galicia”, pero levaba un tempo esgotada.

Pilar estaba satisfeita por afondar nas teses que comezou a escarvar en 1993: “Rosalía como fundadora do ensaio galego como xénero nos prólogos dos poemarios ‘Cantares gallegos’ e ‘Follas novas’ e a inauguración da conciencia de xénero na literatura e no país”. A aportación dos textos nos que se apoia a investigadora redondean o estudo sobre “a primeira feminista da nación galega”. Pilar lévate pola man na fervenza de documentación. Cada 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía (Santiago, 1837). Versos e Caldo de Gloria pola receita sacada do poema “Miña casiña, meu lar” servíronse na fundación e en máis de 400 establecementos. Soou a “Alborada de Rosalía”, escrita pola poeta. E tamén hai que celebrar que estudosos como Pilar non deixen de coidala.

Te puede interesar