Opinión

As cabras do Xurés

Leo na prensa estes días unha información sobre a concorrida charla que deu Luís Rubiños, capataz do parque natural do Xurés, sobre determinados aspectos do regreso da cabra brava a aquel espazo protexido, dos moitos traballos e esforzos que se fixeron para soltalas alí, e do ben que, finalmente, saíu o proxecto. Ben está, e todos temos que aledarnos polo éxito da misión.

O que non entendo é por que non se falou do máis importante (ademais de dar detalles de como se repartiron eses animais polo territorio), ou sexa: como foi que chegaron as cabras ao Xurés?; como se conseguiu que unha especie que levaba extinta xustamente un século regresara alí, ao que durante milleiros de anos fora o seu hábitat natural? Cando menos a prensa nada sobre isto recolle.

Pois ben, como a memoria se perde e afrouxa tristemente co tempo, direi que as cabras montesas chegaron ao Xurés grazas ao esforzo, interese e tesón do equipo técnico que dende a creación do Parque Natural en 1993 víñamos reclamando que as cabras bravas que estaban nos peches dos Montes do Invernadeiro foran para o Xurés; e moito máis cando en 1995 conseguimos mercar a finca do Salgueiro no concello de Muíños, un territorio de máis de seiscentas hectáreas de superficie que reunía inmellorables condicións para recibir as devecidas cabras montesas.

Foi así como, malia o desgusto dos organismos competentes da administración xeral do Estado e das críticas dalgúns notables e expertos nacionais nas cousas da fauna silvestre, conseguimos, non entre 1998 e 2000 como se ten dito, senón exactamente o 24 de novembro de 1997, sendo conselleiro de agricultura Tomás Pérez Vidal e eu director do parque natural, que as cabras volveran ao Xurés, á raia con Portugal. E tamén quixera dicir, porque é unha inxustiza que quede no esquecemento, que a persoa responsable do mantemento e boa xestión daquel primeiro núcleo reprodutor que creamos na finca do Salgueiro (8 femias, 4 machos e 4 crías), xerme de todo o que hoxe hai, foi o axente forestal José Otero Blanco, que fixo alí un impresionante e impagable traballo a prol da fauna galega hoxe tamén portuguesa.

Te puede interesar