Opinión

¡Como sois los gallegos!


Nas cento e pico veces que fun a Madrid como representante institucional, procuraba levar a axenda pechada, aínda que sempre xurdía algún café non previsto, tan útil ás veces como as interminables reunións. Regresaba no mesmo día, canso e botando unha cabezada logo de escoitar a explicación sobre o inflado do salvavidas para o caso de aterraxe de emerxencia (no Lago de Sanabria, supoño).

Nunha ocasión, tras unha tensa e maratoniana xornada, o resultado das negociacións distaba moito do apetecido, e tras consultar co meu superior en Galicia, a orde foi clara: «non che se ocorra regresar sen pechar o tema». Acordei retrasar o retorno para o día seguinte, polo que merquei algo de roupa de reposto, repetindo traxe e gravata, pois tampouco estaba a cousa para dispendios. Tamén unha máquina de afeitar, que herdou precozmente o meu fillo.

Ás nove da mañá, reiniciamos as conversas. Entradas, saídas, chamadas, consultas, recesos e sete ou oito cafés, antes de culminar satisfactoriamente a reunión. Na despedida, o alto cargo ministerial, tamén canso pero duro como un penedo, espetoume: -Joder, como sois los gallegos !!!

O caso é que a ministra española estivo estes días en Bruxelas, na reunión de Ministros de Agricultura da UE para falar dos problemas do sector lácteo, e seica non presentou propostas específicas –como si fixeron Italia, Francia ou Alemaña- por que “nuestras demandas están atendidas”.

Quizais algún”gallego” (Feijoo, por exemplo) debería lembrarlle á ministra que o sector do leite en Galicia (40% da produción española) está pasando unha terrible crise. Que estamos pechando explotacións e sacrificando vacas. Que por cada vaca que perdemos, dúas hectáreas de superficie agraria útil quedan abandonadas, listas para arder máis pronto que tarde. Que o problema non é só de familia hipotecada e desesperada que pecha a explotación, queda sen traballo e ten que facer as maletas. Que é un problema de país.

Quizais algún “gallego” (Rajoy, por exemplo) podería ir a Bruxelas a dicir que as nosas demandas están moi lonxe de ser atendidas, que o problema é estrutural, e que esa Unión Europea tan reguladora cando quere, e tan ultraliberal cando lle convén, debería actuar como unha verdadeira unión política e non como unha mala unión de mercaderes. Que é un problema de Estado.

Regresarían cansos, satisfeitos de que lle espetaran : -Joder, como sois los gallegos !!! e botando unha cabezada logo de escoitar a explicación sobre o inflado do salvavidas para o caso de aterraxe de emerxencia.

Te puede interesar