Opinión

Azúcar Moreno

Con Azúcar Moreno
photo_camera Con Azúcar Moreno

Son moitas as veces que teño presentado a estas dúas estupendas artistas, cheas de temperamento e arte. Téñolle un cariño especial desde que unha das veces que asistiron a “Bamboleo”, estando eu ingresado no hospital, non pararon ata conseguir o meu teléfono e chamarme para interesarse pola miña saude; seguramente o ter vivido Encarna algo similar fixo que non quixeran pasar polo programa sen mandarme de viva voz toda a forza e cariño, cousa que me emocionou especialmente, como me emocionaban e seguen emocionando todas as mensaxes que me chegan a través do equipo do programa, ou esas marabillosas señoras que me paran pola rúa como se lles fora da familia. Algún día tería que escribir a multitude de historias que me teñen contado da súa vida relacionada conmigo e cos programas que teño presentado. Permitídeme que vos conte soamente unha, aínda que soe un chisco escatolóxico. Achégase unha muller de mediana idade a darme un abrazo, deses de verdade, mentres me dicía con bágoas nos ollos que eu fun a última persoa coa que estivo a súa nai; díxome: “foise sorrindo mentres te estaba vendo no Supermartes”. Non me digades que non é como para emocionarse.

E de emocións falan moitas das cancións que Azúcar Moreno levan cantado por todo o mundo, desde Xapón ou Turquía a todo Latinoamérica, con éxitos como “Solo se vive una vez” ou “Hoy tengo ganas de ti”, que xa bailabamos nas sesións de “lento” nas discotecas cando a cantaba o seu autor Miguel Gallardo. Son milleiros os discos vendidos ao longo da súa carreira como dúo, non tanto cando se separaron despois do cancro de mama de Encarna felizmente superado; con cancións como o mítico “Debajo del Olivo” que remasterizaron no 2016; ou aquel primeiro tema co que eu as descubrín na película de Carlos Saura “Amor Brujo”, titulado “Azúcar Moreno” que lles serviría de bautizo profesional cando exercían de coristas de Los Chunguitos. 

E aos eurovisivos coma min, as Azúcar Moreno déronnos unha das maiores alegrías da súa carreira levando ese estupendo “Bandido” ao escenario de Zagreb, onde conseguirían o 5º posto, coa anécdota que todos sabemos de ter que empezar a canción por segunda vez por culpa da mal metida música pregravada que acompañaba á orquestra do festival, conseguindo que no 2005 a Unión Europea de Radiodifusión seleccionase a canción como unha das mellores da historia do certame no seu 50 aniversario. Chegaron a vender máis de millón e medio de copias por todo o mundo.

Eu alegreime infinito cando estas mulleres decidiron volver a cantar xuntas despois dese desencontro que as mantivo separadas. Tamén tiven a oportunidade de presentalas nesa etapa, pero non era o mesmo. Sen cuestionar a súa calidade e valía persoal, todos queriamos ver e escoitar a ese dúo que tanto nos fixera cantar e bailar. Todos queriamos escoitar de novo ese “Bandido” eurovisivo que lles fixo percorrer o mundo enteiro.

Televisión Española quixo ter con elas unha chiscadela ao incluílas na preselección do “Benidorm Fest” de 2022; elas aceptaron sabendo que tiñan a misión de chegar a un público diferente do de Rayden, Rigoberta Bandini, Chanel ou as nosas Tanxugueiras, e defenderon con toda a súa profesionalidade a canción “Postureo” sabendo que a selección ía por outros camiños. Por iso e por todo o demáis seguirán sendo un referente na música dance e flamenca do noso País, e esta noite gozaremos da súa arte no “Bamboleo”.

Te puede interesar