Opinión

Boi e erotismo

Averdade é que o título do artigo é algo enganoso, xa que en ningún caso vou falar da carga erótica que poida ter un boi, pero é que no meu pobo estes días conflúen dalgún xeito carne de boi e xardíns eróticos, que dito así ben poderían facer unha estupenda “maridaxe”, porque se de algo pode presumir Allariz, entre outras moitas cousas, é de estupendos bois e de xardíns e lugares paradisíacos, mesmo onde os protagonistas da festa anual máis popular da Vila viven e retozan durante todo o ano, os montes veciñais de Penamá. 

O meu pobo comezou onte as súas sextas Xornadas de Carne de Boi de Allariz, o que encherá restaurantes e taperías durante os quince días que están programadas, con menús especiais e co habitual concurso de tapas onde os cociñeiros e cociñeiras van dan o mellor de sí para sorprendernos e para contribuir a que a Vila sexa un referente na comercialización de carne de boi, xogando tamén un papel importante o Mercado da Reserva da Biosfera. Pratos de elaboración sofisticada para os máis esixentes e pratos aparentemente máis sinxelos pero igual de exquisitos para os que preferimos a carne á grella, volta e volta cunhas areíñas de sal groso. A croca, o fricandó, o ragout, o tartar, o estufado, os escalopíns, o carpaccio, o xarrete, a brocheta ou o imponente chuletón de boi farán felices aos centos de padales que os degustarán ao longo das xornadas, facendo xustiza ao lema “Allariz Sabe”.

E aínda que a recente edición do Festival de Xardíns “da Memoria” pechou onte as súas portas, nada mellor que dar un paseo por esoutras paraxes de luxo alaricanas nas que a natureza quixo depositar as súas mellores galas para gozo de veciños e visitantes, pensando xa na próxima edición do Festival na que o Erotismo será a base e punto de partida para a creación e plasmación de propostas que deberán estar entregadas antes do 30 de novembro para ter opción a formar parte desa exibición de arte e beleza que chega cada primavera ás beiras do Arnoia.

De xardíns e erotismo en Allariz sábese moito, son múltiples os lugares nos que combinar paisaxe con romance ou paixón, e aínda que non temos os labirintos como os que pechaban os clérigos do Século das Luces nos xardíns de Versalles polas actividades indecorosas que as clases pudentes realizaban no seu interior, sí que temos ducias de paraxes onde as clases populares sempre puideron e poden seducirse, cortexarse ou amarse. Polo tanto, moi acertado o tema para a próxima edición do festival ao que como sempre concorrerán proxectos paisaxísticos de todo o mundo.

Pero mentres agardamos por todas esas novas propostas cheas de sensualidade e fantasía, podemos seguir perdéndonos neste inicio de outono polo empedrado das nosas rúas ateigadas de historia e arte que farán que os ricos xantares en torno a carne de boi teñan un aperitivo e unha sobremesa que seguirán facendo que a mellor publicidade do meu pobo siga sendo o boca a boca, e nunca mellor dito para uns días nos que a boca terá un protagonismo especial degustando a nosa riquísima carne de boi. Que nos aproveite. 

Te puede interesar