Opinión

Cantando cos Grammy

Ás veces non somos demasiado conscientes da fortuna que temos cando podemos realizar soños que nin sequera chegamos a imaxinar. Cómpre que pase un tempiño para, nunha tarde calquera na que estás relaxado pasmando cara o mar, decatarte do que significa ter a oportunidade de cantar ao lado de quenes admiraches desde sempre. Pasoume, como todos ben sabedes, cando puiden cantar e mesmo gravar con Juan Pardo, artista amigo do que eu xa interpretaba os seus temas cando estudiaba en Valencia sendo un adolescente; pasoume tamén cando tiven a inmensa honra de presentar ao gran Raphael, do que levo cantado os seus temas desde neno e mesmo ousando gravar para televisión algúns dos seus grandes éxitos. Un e outro, grandes entre os grandes, fixeron que eu tamén me sentise importante ao seu lado; e non importa que polos programas e espectáculos que teño presentado pasasen os mellores artistas do País ou internacionais; sempre hai unha distinción para quenes foron referentes na vida profesional de cada quen, como no meu caso foron Raphael e Juan Pardo.

Pero para os que somos eurovisivos desde que temos uso de razón, tamén é moi importante chegar a coñecer a aqueles que no seu día nos emocionaron en Europa. Imaxino que para un eurofán de agora mesmo seríao poder estar coa sueca Loreen ou con Conchita Wurst, por poñer a dúas figuras gañadoras recentes; pois para min foino con El Consorcio, aos que moitos de nós seguimos vendo como “Mocedades”, aqueles xóvenes vascos que mereceron ter gañado o Eurovisión Song Contest de 1973 en Luxemburgo, se non fora porque se lles atravesou no camiño o “Tu te reconnaîtras” de Anne-Marie David que xogaba na casa. Pero o “Eres tú” foi todo un acontecemento musical, mesmo en países de fala non hispana, e aínda hoxe cando o escoitamos seguímonos emocionando. Pois con eses triunfadores, aos que a Academia Latina de Artes y Ciencias de la Grabación lles acaba de conceder o Premio á Excelencia Musical, un galardón que recollerán en Las Vegas no marco da 17ª Edición dos Grammy Latino, actuei hai un par de semanas en “Luar”, cantando en rigoroso directo ao lado de Amaya Uranga, Estíbaliz, Iñaki e Carlos, co espíritu de Sergio sobrevoando o escenario.

A emoción que sentín é inenarrable, porque aquela rapaza que me puxera os pelos de punta no Festival de Eurovisión estábame cantando prácticamente ao oído e en directo. 
Seguro que entenden todo o que sentín, como entenderán o feliz que me fixo o grande músico vasco Kepa Junkera cando tivo a xentileza de acompañarme coa súa trikitixa para interpretar o “Txoría Txorí”, unha fermosísima canción vasca de Mikel Laboa que eu aprendín en euzkera nos meus anos de estudios en Eibar. Tampouco daquelas, cos meus quince anos, podía imaxinar que chegaría a estar no mesmo escenario que outro grande premiado cun Grammy Latino no 2004 polo seu dobre disco “K”, gravado en directo no precioso Teatro Arriaga de Bilbao. A todos estes vascos marabillosos que me fixeron tan feliz “Eskerrik Asko”. 

Te puede interesar