Opinión

Cita no Bernabéu

O xogador celta Iago Aspas.
photo_camera O xogador celta Iago Aspas.

Esta semana xantei no Náutico de Vilagarcía co amigo Roi Casal para poñernos ao día da música e da vida en xeral; e tamén dos seus novos proxectos, tanto enriba dos escenarios, cunha xira que comezará entrada a primavera, como con todo o que vai facer en “Harpazul”, o complexo de apartamentos de luxo que rexenta na súa Catoira querida, cun feixe de novedades que ten preparadas este amigo, que non para de crear desde ben noviño, moito  antes de que percorrera o mundo formando parte do lendario grupo “Milladoiro”, e logo apostando por unha carreira en solitario gañando o favor do público con discos e xiras como as de “Son Galego Son Cubano”, que o levou ata Cuba atraido polos textos de Neira Vilas para logo pecorrer toda Galicia, como volverá facer este ano combinando novas músicas cos éxitos que foi colleitando ao longo da súa carreira.

Pero o moi bandido cambiou de terzo na conversa da sobremesa poñéndome os dentes longos ao contarme que viaxa coa súa prole a Madrid para arroupar ao Celta no Santiago Bernabeu. E sempre que chega este enfrontamento na liga recordo aquela miña única visita ao estadio merengue para ver como o noso Celtiña da era Borja Oubiña lle gañaba aos blancos cun fantástico 2-3. Aquela tarde de setembro foi marabillosa aínda que estivera a piques de levar unhas labazadas dun exaltado seareiro madridista que me puxo dos nervios ao non parar de berrar impotente “Gallegos, muertos de hambre”. Non puiden quedar calado e xusto cando o tipo en cuestión se erguía e viña cara min en actitude belixerante, erguéronse como un resorte uns descoñecidos amigos de Redondela que estaban ao meu lado, facendo que o rapaz en cuestión volvera ao seu asento coas orellas gachas e caladiño o resto do partido. Xa vos contei en mais dunha ocasión  que aínda que me gusta o fútbol non son moi amigo de asistir aos estadios por non ter que aguantar a eses energúmenos que empregan este bonito deporte para soltar os seus máis baixos instintos; prefiro seguir os partidos pola tele, aínda que confeso que tendo como teño varias plataformas dixitais de pago non estou subscrito en ningunha delas ao fútbol, porque o meu corazón non está preparado para ver como ao noso Celta lle meten goles no último minuto, e teñamos que seguir pendentes dun fío para manternos na categoría. Confeso que me poño dos nervios. 

Nesto de manter o tipo e empurrar sen desmaio hai que sacarlle o sombreiro á afección do Dépor, noutrora “SúperDépor”, que aínda levando uns aniños sufrindo moito, seguen animando incansables nas bancadas de Riazor sen deixar nunca só ao equipo dos seus amores. Agardo que este sexa o seu ano e logren ese ascenso tan agardado. Como agardo que mañá pola tarde o Celta nos dea unha alegría dobregando ao Madrid das grandes figuras. Digo isto para que teñamos conciencia de que nós poucas figuras podemos ter, con todo o respecto do mundo para o equipo actual, porque Aspas soamente hai un, e se temos que vender cada tempada xogadores fundamentais como Brais Méndez ou Gabri Veiga mal o levamos.

Pero imos ser positivos, e con ese pedazo de himno confeccionado por C. Tangana e demais colaboradores para o Centenario, temos que sair desta sexa como sexa. E con permiso dos milleiros de madridistas galegos que en tardes como a de mañá teñen o corazón “partío”, ¡Ala Celta!

Te puede interesar