Opinión

Con todas as víctimas

A última vez que estiven na capital catalá puiden gozar dese microcosmos particular que conforma a vida das Ramblas desde un dos balcóns do Centro Galego de Barcelona; estaba acompañado naquel momento polo entón Presidente da entidade Manoel Carrete, hoxe desempeñando labores de asesoramento na Deputación ourensá en temas de emigración. Nada máis producírense os atentados de Barcelona o propio Carrete publicou unha fotografía coas bandeiras catalá, galega e española que ondean e conviven pacíficamente na fachada do marabilloso edificio que acolle a casa de todos os galegos que por aquelas terras viven. ¡Cantas fotografías teño feito nas Ramblas nas miñas visitas a Barcelona!, nos tempos nos que sempre me apetecía visitar a que considero unha das cidades máis fermosas que coñezo, e digo apetecía porque nos últimos tempos xa non me apetece tanto por motivos que hoxe non veñen a conto.

Barcelona sempre me pareceu unha cidade moderna e cosmopolita, moi ben planificada no seu día e co plus engadido de estar aberta a esa Mediterráneo que a baña e a mima. Gocei ben veces con eses paseos gratificantes desde o Porto Olímpico camiñando polas Ramblas, entre ducias de estatuas humanas e quioscos de flores, libros e paxaros cara o impresionante Paseo de Gracia onde sempre me hospedei, en tempos nos que o Hotel Majestic, con ser caro, era bastante máis asequible que hoxe en día, e co plus engadido de ser o lugar onde se propiciaban non poucos e importantes pactos políticos e nos que o "turra-soga" entre o Estado e a Generalitat non deixaba de ser unha cuestión dun "quítame alá algunha transferencia e uns cantos millóns máis para as arcas autonómicas". 

Este xoves sentín novamente a dor, a rabia e a impotencia que producen cada un destes ataques bárbaros que destrozan a vida de toda canta persoa atopan ao seu paso, e desgraciadamente confirmouse, entre tanto debate de turismo sí ou turismo non, o que hai uns días falaba con amigos nunha tertulia de sobremesa cando expresabamos o medo a que algo así pasase en España neste verán; non porque as forzas de seguridade non fagan ben o seu labor, que penso que o fan marabillosamente, senón porque cando hai un fanático disposto a quitarse de en medio levando por diante a víctimas inocentes non hai moito que facer. En plan moi egoista, soamente nos queda dicir aquelo de que non nos pille no lugar e no momento equivocados, sexa nas Ramblas de Barcelona, no centro de París, en Londres, en Berlín, ou sexa nun mercado de Bagdad, nunha escola de Alepo ou nun hospital de Kabul que, non o esquezamos, son lugares onde diariamente os mortos inocentes poden contarse por ducias ou por centos, aínda que case ninguén publique na súa memoria lazos negros ou chíos cos consabidos slogans solidarios tipo #prayforBarcelona". Por suposto que choramos ou sentimos a morte ou as feridas de todos cantos sufriron a barbarie terrorista nesta nosa querida España e querida Europa, pero eu asegúrolles que non me quedo nunca insensible cos mortos lonxanos que os noticieiros nos sirven cada día enriba da mesa na que xantamos desde moitas partes do mundo.

Te puede interesar