Opinión

De conversa con Lucía Pérez

A cantante Lucía Pérez.
photo_camera A cantante Lucía Pérez.

Non podía pasar máis tempo sen falar coa miña amiga Lucía sobre a última edición do “Benidorm Fest”. Coincide conmigo en que “Zorra” non é unha gran canción, sen entrar en polémicas sobre a letra, e que a súa posta en escea pode ser moi mellorable, ao igual que a voz, xa que se Eurovisión permite levar os coros gravados previamente por que non arroupala cun bo traballo no estudo de gravación para que luza un pouco máis. Digo eu, e tamén o dí Lucía que tivo que defender de xeito titánico unha canción coa que non se identificaba para nada; pero o certo é que aos eurofáns failles gracia, e cada vez que a canta consegue facer corear e bailar con frenesí a toda a concorrencia. E así sucederá en Amsterdam o día 13 de abril cando a nosa cantante acuda convidada ao PreParty holandés, que xunto con Liverpool e Madrid son as grandes citas previas ao Festival de Eurovisión. 

Nos Paises Baixos cantará Lucía o remix do seu “Que me quiten lo bailao” feito pola DJ Sofía Cristo e todo o seu equipo, adaptando o tema aos novos tempos. E nestes novos tempos móvese Lucía como peixe na auga, porque para cada single que vai sacando rodéase de músicos e productores estupendos, como para o tema “Guerrera” creado por Iago Pico, músico e productor de “Tanxugueiras; e para outras cancións rodeándose de profesionais mesmo de Miami como os que lle fixeron “La Salida” que soa con frecuencia en Cadena Dial, ademais de Radio Galega Música. 

Lucía está xa nese nivel que sempre buscou, dentro e fora do Padornelo; sabe moi ben o que quere e xa non concibe os concertos sen estar acompañada pola súa banda e mesmo con bailarinas de danza moderna que embelecen o espectáculo. Sabe combinar os novos temas cos éxitos de sempre e con esas cancións galegas que o público agarda dela como “A Rumboia”, “Adios Ríos”, “Torres de Compostela” ou “Heroes sen nome” que no seu día gravou con Chenoa e que a emociona especialmente por estar dedicada a todos os que perderon a vida no accidente de tren de Angrois. Tamén canta a “Mestura Portuguesa” cunha chiscadela ao País veciño, e aquí hai que dicir que Lucía está conseguindo algo moi difícil para os artistas hispanos que é entrar no mercado portugués de música lixeira; ela faino da man de Zé Amaro con quen gravou e canta en castelán e portugués,  emocionando ao público do outro lado da raia con temas como “Tudo se Paga” feito a duo, e con quen volverá cantar no Coliseu de Lisboa o día 16 de marzo.

Lucía Pérez non para de medrar profesionalmente, cousa que me fai moi feliz, porque tanto a ela como a Alba Lago sempre lles chamei as miñas “nenas”, e aí teñen a Alba presentando os informativos de “Cuatro”, despois da marabillosa etapa vivida con Pedro Piqueras, sen esquecer en ningunha entrevista ás persoas e aos programas da TVG, especialmente o “Acompáñenos” que lle abriron, abrimos, as portas a este mundo máxico da televisión. 

Lucía o mesmo está de xira en Venezuela, como estivo recentemente, como cantándolle aos eurofáns de Finlandia ou dos Países Baixos. E agora toda orgullosa lucindo unha colección especial “cápsula” de xoias de “Toquetería”.

Este verán tén, entre outras, unha gran cita na Coruña, no “Atlántic Pride”, na compaña de Rosa López e a mesma Nebulosa, nunha noite especialmente eurovisiva que o ano pasado reuníu a 40.000 persoas.

Te puede interesar