Opinión

Crise, información e memoria

Vinte millóns de dólares! Esa é a cifra que ven de gastar Hillary Clinton na súa andaina de cinco meses na procura do voto demócrata. A bó seguro que o gañador, Obama, gastaría polo menos outros tantos; e se facemos a operación de cambio ó euro vainos sair unha cifra que nos anticipa outra moitísimo máis insultante, cando en novembro os candidatos se xoguen o acceso directo á Casa Branca. Unha casa desde a que se decide, entre outras cousas e sen demasiados escrúpulos, qué países invadir, qué dictadores potenciar e qué nacións afogar. E créanme se lles digo que a pesares de contemplar con certa simpatía a posibilidade de que un negro afroamericano chegue por primeira vez a mandar no país máis poderoso da terra, sigo sen verlle moito futuro ós millóns de seres humanos que se plantexan cada día como chegar ó final do mesmo, mentres as grandes potencias discuten sobre se prohibir ou non as bombas de racimo e as minas antipersoáis.


As grandes axencias que controlan toda a información mundial case conseguen que aprendamos de memoria o complicado sis tema electoral norteamericano, pero son incapaces de facernos entender por qué hai un ano estabamos bailando merengue de tanto que nos sobraba e agora vivimos nun senvivir por mor desa crise internacional da que nin sabemos de onde ven nin a onde vai. E esta vella e durmida Europa, incapaz de poñerse de acordo nin para deter, no seu momento, a guerra dos Balcáns, ve como cada día son máis os colectivos que a van paralizar; un día serán os camioneiros franceses, outro día serán os mariñeiros galegos e ó día seguinte serán os repartidores de salchichas alemáns; porque a uns e a outros, por moito que os seus governos e oposicións lles falen de desaceleración, axuste, hipotecas lixo, ou fluctuacións do mercado, o único que van querer saber é como raio van encher os depósitos de combustible, como van pagar as facturas da luz ou como se van enfrontar os préstamos duns bancos rapinentos e insolidarios que diante de calquera síntoma de crise poñen a súa cara máis dura, pechan aínda máis as súas caixas fortes e onde antes eran todo sorrisos e palmadiñas nas costas, agora soamente hai caras longas e respostas evasivas. E, mentres tanto, a sufrida ama de casa, e algún amo, seguirán sen saber porque no país cos mellores pescadores e o mellor peixe do mundo, ten que pagar as sardiñas coma se foran caviar iraní.


E ¡ollo ó piollo!, porque entre tanto desconcerto económico e medos de todo tipo, sempre rexurden os grupos xenófobos que aproveitan os tempos de crise para converter ó inmigrante na causa de todos os males e no obxecto de todas as iras.


Neste país, non o esquezamos nunca, que tivo na emigración o maior sustento das familias e das caixas de aforros non se pode practicar a demagoxia barata de dicir aquelo de que para emigrar a Suiza ou Alemaña había que ter todos os papeis en regra. Non presumamos de ser o que non somos, porque Arxentina, México, Venezuela, Uruguai, Cuba e mesmo os Estados Unidos poden ser un bó recordatorio da moita ilegalidade que lles chegou desde esta desmemoriada Europa, e desde este noso país que matou moita famiña no outro lado do Atlántico.



Te puede interesar