Opinión

Cruzando a ría

O mesmo que moitos ourensáns da capital pasan horas de ocio ás beiras do Arnoia, os que vivimos en Vigo temos por costume cruzar a ría, ben no coche propio ou ben no barco que che permite gozar tranquilamente dunha paixaxe marabillosa, coas Cíes ao fondo e coas Terras do Morrazo en fronte, como saídas dunha preciosa acuarela do gran pintor Javier Varela Guillot, vigués de nacemento, pero alaricano de adopción, onde viven algúns dos seus fillos, artistas tamén como Jorge ou Xavier Varela, do que poseo, ao igual que do seu proxenitor, algunha fermosa obra como a “Ponte de Vilanova”, que me recorda a esa mesma instantánea pintada a gran tamaño polo seu pai para o fondo do escenario do Salón Parroquial de Allariz.

Outra das súas fillas, Elena, tamén artista, neste caso do mundo da escea, ao igual que Jose o seu compañeiro alaricano, elexiron Cangas para vivir, nun precioso ático cunhas vistas á ría realmente envexables. Por alí atópomos moitas veces cos seus fillos e as súas bicicletas paseando polo carril bici á beira do mar ao que non lle viría mal un bo mantemento, o mesmo que ás pistas de skate que están ao fondo da Praia da Rodeira, e xa de paso darlle un retoque as losetas do paseo marítimo repoñendo as árbores desaparecidas. Sería moi de agradecer por veciños e forasteiros, non soamente polos “jodechinchos”.

Eu, ademáis de acudir moitas veces aos mercadillos dos venres, xantar no “Bribón de La Habana”, ou tomar os meus refrescos nalgún dos moitos establecementos polos que deberiamos pagar máis polas vistas que pola propia consumición, son fiel aos meus amigos do “Espíritu Santo”, xusto á entrada de Cangas pola Avenida de Ourense, quenes reivindican en plan catalán a golpe de risotada a independencia para o seu barrio; alí tomo o café da mañá ou o aperitivo do mediodía coas xentes mariñeiras e traballadoras, algúns xa xubilados, que nada teñen que ver co turismo de masas doutros lugares. No establecemento rexentado por Cris, axudada pola súa estupenda filla Andrea, sénteste como na casa. 

Hai quen dí que as xentes desta vila do Morrazo son especiais e moi combativas, como aquelas “Incansables de Cangas” que o xenial Antón Reixa levara ao seu lexendario programa da TVG “Sitio Distinto”, que dirixía e copresentaba con Carlos Blanco. E eu digo, que en cada lugar hai que respectar a súa idiosincrasia, adaptarse ás súas normas e ao seu xeito de vivir. Cangas non é Sanxenxo nin quere selo, con todo o respecto do mundo para a vila turística por excelencia; os cangueses non queren que os invadan e que logo os alugueres dos pisos durante o ano se poñan pola nubes para os propios veciños, como xa ocorre en outras moitas vilas e cidades, onde os seus habitantes teñen que trasladarse a vivir fora delas por non poder pagar os desorbitados prezos do aluguer.

A vista da Ría de Vigo desde Cangas é desas experiencias sensoriais que non olvidas; podo botarme horas sentado na galería do apartamento almorzando, lendo a prensa ou pasmando, vendo como entran e saen os cargueiros do Porto de Vigo. Un lugar privilexiado que atopei hai algúns anos, como moitos ourensáns xa atoparan moito antes ca min. Alí a pé de praia, coñecidos ou descoñecidos, falamos do divino e humano mentres poñemos os pinreles a remollo, soamente os pinreles, porque a auga está que corta, menos para a amiga Cris do “Burguer Praia” á que sempre lle está fervendo.

Te puede interesar