Opinión

O “derradeiro diluvio” das tanxugueiras

Recordo algunha das moitas conversas radiofónicas e televisivas que tiven coas “Tanxugueiras”, que hoxe volverán estar no “Bamboleo”, nas que falabamos do divino e do humano e do dano terrible que fan as redes sociais se non as controlamos adecuadamente, evitando entrar no xogo deses seres nauseabundos que sacan os seus máis baixos instintos amparados no anonimato. Sabela, Olaia e Aida tamén tiveron que lidiar duramente cos “miuras” que lle foron saindo ao paso despois do enorme éxito acadado no “Benidorm Fest”. Da parte positiva deste Festival sempre me colgarei, presuntuosamente, a medalla de ter sido, xunto co meu amigo e colaborador Damián Cortés, e máis tarde con Vicente Rico, un dos máximos responsables de “Eurovision-Spain.com”, os primeiros que falamos do fantástico que sería que unha formación de música tradicional galega, con eses aires de modernidade que as caracterizaron desde o principio, participaran no Eurofestival cantando en galego. Díxenllo no “Bamboleo” cando presentaban “Midas” e repetinllo na Radio Galega cando facían o propio con “Figa”, disco e video que me impactaron sobremaneira, xunto co máis recente “Pano Corado” que é o meu favorito. Permitídime pecar unha vez máis de inmodesto e dicir que estou convencido de que se non saíra a idea nos nosos programas da radio e da tele, Eurovisión sería algo que seguramente nunca se lles ocurriría a estas tres marabillosas mulleres. Daquelas era moi chocante que alguén como elas participasen en tal evento europeo. Hai un antes e un despois desde que Benidorm volveu acoller o mítico Festival, por onde pasaron figuras da categoría de Raphael ou Julio Iglesias antes de ir recibir os “points” e consagrarse en Luxemburgo, Viena e Amsterdam, e a partir de aí triunfar en todo o mundo.

E a todos os escenarios chegaron e chegan as Tanxugueiras con “Terra” e outras moitas cancións, ocupando postos moi altos en visionados nas redes sociais e asistencias aos seus concertos; son reclamadas desde Sevilla, Madrid ou Gran Canaria ata Valencia, Bilbao ou Barcelona, e así ata máis de cen actuacións por todo o Estado; sacando tempo para gravar novos singles e vídeos, soas ou acompañadas de artistas estupendas como Rozalén, con quen gravaron a fermosa canción “A Virxe de Portovello” do noso recordado Manuel de Dios, poeta, musicólogo e director da querida Coral de Ruada que gravou hai anos este fermoso tema. Eu tiven o pracer de cantar xunto coa filla de Manuel, Digna María de Dios, no grupo folk da Universidade Laboral e gañar varios festivais, mesmo en Burgos, antes de que desgraciadamente morrera coa súa irmá Angeles nun fatídico accidente de tráfico. Nunca esquecerei o marabillosa que era Digna e o ben que cantaba aquela “Deixemos que a pomba nos fale” da miña autoría e que ela máis José Ramón Díaz e Marisol dignificaron tanto.

Todos temos un pasado, ás veces bo, e eu hoxe recordo eses anos tan bonitos da miña etapa ourensá, neste día no que as “Tanxugueiras” celebran o seu concerto de despedida de xira co “Derradeiro Diluvio” no Coliseum da Coruña, con moitas sorpresas e acompañadas entre outros por Rayden, Guady Galego ou Rozalén, e farán outra noite histórica para a música galega. Algúns no seu día tratamos de poñer un granito de area musical e poético cando os medios eran moito máis limitados, pero a ilusión era moi grande e eramos moi felices.

Te puede interesar