Opinión

Con dous eurovisivos

Os eurovisivos WRS e Lucía Pérez.
photo_camera Os eurovisivos WRS e Lucía Pérez.

Recibimos hoxe no plató de “Bamboleo” a dous estupendos artistas que comparten o feito de ter representado ao seu País en Eurovisión, coincidindo en ser moi queridos polos eurofáns, aínda que no certame obtiveran malas puntuacións, a pesar de ter posto a bailar a todo o auditorio tanto de Düsseldorf como  de Turín, aos rivais da “green room” e a media Europa, como farán bailar a todo o público do noso programa que os agarda con cariño. Son a nosa querida  Lucía Pérez e o impactante rumano Andrei “WRS”, un artista que fala un máis que  correcto español por ter “papado” de neno coa súa avoa toda canta telenovela latina lles chegaba ao seu País.

É un namorado do noso, onde veranea, atopándose actualmente por terras ibicencas, con semipolémicas fotos espido nas súas redes sociais, e sendo un apaixoado das Canarias, onde confesa lle gustaría ter un refuxio de inverno. A nivel profesional acaba de fichar como xurado polo programa “Tu Cara Me Suena” versión romanesa, que gañou en dúas ocasións, co que está como un neno con zapatos novos; e novas son as cancións que nos cantará esta noite pertencentes ao seu recente disco gravado en “spanglish” e titulado “Fiesta 23”, ofrecéndonos, por suposto, a versión remix do “Llámame” co que tantos éxitos está colleitando. 

E no programa de hoxe teremos máis alegrías porque a nosa Lucía Pérez ten o gran detalle de estrear un novo tema gravado en Miami e feito en varios idiomas, entre eles o portugués, versión que cantará hoxe baixo o título de “Eu te prometo”; ese Miami co que útimamente comparte un cordón umbilical con Galicia na creación de varias cancións, con autores e ritmos diferentes, o que lle imprime logo no directo das súas actuacións unha variedade moi apreciada polos miles de seareiros que van a aplaudirlle, como hai unha semana en Marín, onde a artista saíu pola porta grande cun público de 10, nunha xira de verán con todo o seu equipo de músicos que fai que non pare de actuar, compartido o tempo cos seus compromisos televisivos como o“Bamboleo” desta noite ou a “Liga dos Cantantes Extraordinarios” onde exerce de xurado. Ou para actuar con ese “Cowboy Apaixoado” portugués, o cantante Zê Amaro que enche e fai vibrar a todo o público que acude a velo ao Coliseum de Lisboa, en pleno corazón da cidade, onde Lucía Pérez foi a convidada de excepción, colleitando un enorme éxito.

Lucía vainos cantar “Na miña pel” para contarnos como son todas esas mulleres que van conformando a súa personalidade

Ademais da estrea xustamente en portugués de “Eu te prometo”, Lucía vainos cantar “Na miña pel” para contarnos como son todas esas mulleres que van conformando a súa personalidade, e faranos gozar con “La Penúltima”, o último tema gravado no Hostal dos Reis Católicos, con eses aires mexicanos que tanto gustan por estes lares. E falando de gravacións dicirvos tamén que nuns días terá que buscar algún oco libre para gravar o que será o videoclip da nova canción que sairá ao mercado no mes de setembro. Como vedes traballo non lle falta, e con méritos propios a esta artista do Incio, á que eu sigo chamando “miña nena” por terlle dado á alternativa xunto con Carlos Alleres e Alfonso Pato, o hoxe director do Festival de Cans, naquel “Tequele Téquele” da TVG co que percorremos toda Galicia buscando e atopando novos valores para a música galega. E vaia que os atopamos.

Esta noite de “Bamboleo”, teremos a música dunha das orquestras con máis categoría e personalidade da verbena galega, “La Oca Band”

E por se lle faltara algo a esta noite de “Bamboleo”, teremos a música dunha das orquestras con máis categoría e personalidade da verbena galega, “La Oca Band”. Será unha noite de moita e boa festa.

Te puede interesar