Opinión

En pé

Pedíume o amigo Xosé Ramón Gayoso que gravase para o “Luar” desta semana a canción “En Pé”, baseada nunha letra de Ramón Cabanillas e musicada no seu día por Juan Pardo, encadrada dentro dun dos mellores discos que se teñen feito en lingua galega, o “Galicia miña nai dos dous mares”, do que xa dixen nalgunha ocasión que fora controvertido por aquelo de que en determinado momento ou eras de Voces Ceibes ou non eras de case nada. E eu, cos meus dazaoito anos recén cumpridos, era lóxicamente de Voces Ceibes, por moito que catro anos antes tivera cantado íntegramente en galego o “Cando te Enamores” de Juan Pardo na valenciana Universidade Laboral de Cheste.

Pois miren como son as cousas que gracias ao amigo Gayoso, que se empeñou no tema, gravei esta semana, ademáis do “Para Vigo eu vou” de Carlos Núñez e Compay Segundo, esa canción tan de loita incluída no libro “De terra asoballada” e que o poeta de Cambados dedicara a Luis Porteiro, un dos fundadores das Irmandades da Fala. 

Non é a primeira vez que eu canto a Cabanillas, xa que naqueles anos de xuventude combativa de inicios da democracia alá nos fomos os compoñentes do Grupo Folk “Eidos” que eu formara na Universidade Laboral de Ourense sendo educador-becario, ao Certame de Música Folk que se celebraba en Zamora, e alí cantamos o himno “Acción Galega”, máis combativo se cabe que o “En pé” da mesma autoría, e que fixo que á volta do Certame mesmo levásemos unha sonora reprimenda que eu asumín totalmente, ¡faltaría máis para quen levaba unha boina coa imaxe do Che Guevara na cabeza! Eramos moi novos e ¡calquera nos dicía nada!; a revolución tiña un prezo e se había que pagar por ela pagábase, como así foi dalgún xeito que non ven ao caso lembrar agora; os poucos anos e as ganas de cambiar o mundo é o que teñen. 

Lembro por aquelas épocas, nas que todos militabamos nalgunha organización xuvenil marxista-leninista-troskista-maoista ou o que se terciase, que os da MGR fixemos unha especie de presentación á prensa na cidade libre de “Benposta”, para evitar a presenza da policía secreta ou dos chamados “sociais”, e onde algún exaltado propuxo pouco menos que botarse ao monte con escopetas de balíns para conquerir a liberación nacional e a maioría de idade aos dazaoito anos; e tivo que ser un templado Padre Silva, que estaba entre o público como convidado e anfitrión, o que collera o micro e nos puxera a todos no noso sitio, incluídos aos máis militantes da causa. Un pouco máis e rematamos afiliándonos todos ao Circo de “Los Muchachos”, circo que por certo a min sempre me emocionou coas súas torres de arlequíns e con aquela mensaxe final de “O neno é o Rei” onde o máis pequerrecho de todos subía ao alto da pirámide humana rachando unha escopeta de xoguete. Tanto é así que nos últimos cursos  de Pedagoxía en Santiago a cabeceira da miña cama estudiantil estaba presidida polo póster do “Revolution Circus”, que hoxe pagaría por recuperar. 

Xa ven vostedes o que unha canción pode facernos recordar tantos anos despois, é o caso do “En pé” de Cabanillas e Juan Pardo que onte a noite cantei na nosa televisión.

Te puede interesar