Opinión

"Escolma aberta" de Alberto Cunha

Recibindo a Escolma Aberta.
photo_camera Recibindo a Escolma Aberta.

Ao longo de toda esta maldita pandemia que tanta desgraza e desacugo trouxo, tiven a fortuna de contar con días nos que o sol, mesmo o do inverno, conseguíu traspasar esa “negra sombra” que pretendía sumirnos na más triste das existencias. E esas reconfortantes raiolas foron saíndo en forma de música e arte, agasallo para os oídos e bálsamo para o espíritu, porque isto é a obra musical, literaria e pictórica que ven de presentar o cantante vigués Alberto Cunha, a quen coñecín no querido “Tequelexou”, concurso que gañou impactando a un esixente xurado presidido polo gran Uribarri, director entre outros programas do exitoso “Aplauso” co que gozabamos os sábados pola tarde moitos da miña xeración.

Quedo con Alberto na viguesa cafetería “Van Gogh” a onde chega radiante de felicidade, coa súa criatura baixo o brazo, que xa me ofrece antes de sentar á mesa onde conversamos longamente e sen presas, como se deben facer as cousas importantes; porque importante é esta “Escolma Aberta”, un gran libro-disco saído da factoría da comprometida e valente “Editorial Elvira”. Eu agardo que este gran esforzo, de editorial e de artista, teñan a súa recompensa institucional e popular en forma de concertos, por tratarse dun excelente traballo que ten que percorrer todos e cada un dos currunchos deste noso País, desde escolas e centros do saber ata auditorios, campos de festa, lugares de ocio, redaccións de periódicos, emisoras de radio e platós de televisión. E ten que ser así poque Alberto Cunha recolle nesta obra dez fermosos poemas de Cabanillas, Celso Emilio, Rosalía, Cunqueiro, Curros, Bernardino Graña, Alfredo Conde e mesmo do tamén algo noso García Lorca; poemas que no seu día musicaron grandes da música como Batallán, Juan Pardo, Suso Vahamonde, Xoan Rubia, Prudencio Romo, Amancio Prada ou Vicente Araguas.

Pero non se trata dun recopilatorio máis de música galega, trátase dunha obra completa que terá tamén o seu complemento visual coa gravación de videoclips como o que xa está en marcha coa colaboración dos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Vigo, o titulado “A Rosalía de Castro”, concebido e dirixido polo recoñecido creativo audivisual José Luis González Barceló. Poemas e cancións, todas elas, presentadas no audio-libro por amigos e amigas que quixeron reflexionar en voz alta sobre cada un dos dez temas que conforman esta “Escolma Aberta”, desde o sempre decidido colaborador de luxo e responsable de “Radio Galega Música”, querido Moncho Lemos, ata o tamén gran radiofónico Jacobo Buceta, con quen Alberto Cunha colabora semanalmente na Cadena SER, ata Pati Blanco, Javier Ferreiro, María Lado, Ledicia Costas, Noelia Otero, Clara do Roxo, Eduardo Rolland e por suposto o autor do Limiar do libro, Antonio García Teijeiro. Todo elo envolto máxicamente coa arte pictórica de Ramón Trigo, autor tamén da portada; pero sobre todo coa voz nítida e poderosa do gran Alberto Cunha, un dos artistas con máis sensibilidade enriba dun escenario ou diante dun micrófono de gravación, como o pode testemuñar Javier Abreu, responsable de dita gravación e das mesturas do disco . Alberto Cunha, cola colaboración musical dos seus irmáns Andrés e Eduardo, preséntanos sen dúbida algunha un agasallo para os nosos sentidos. Non deixen de gozalo.

Te puede interesar