Opinión

España en Eurovisión

Pois alá vai Manel Navarro cara Kiev a intentar facer algo na próxima edición do Festival de Eurovisión, da que non falarei apenas por aquelo de non darlle armas ao inimigo, xa que a esa hora estaremos competindo co noso “Bamboleo” na TVG. Pero como bó eurofán sí que me gustaría recordar algúns dos momentos memorables ou curiosos da participación española no Eurofestival, como aquela primeira vez que Massiel nos fixo vibrar co triunfo en Londres gañándolle ao mesmiño Cliff Richard que xogaba na casa. Desde aquelas, o “La La La” converteuse no gran himno eurovisivo para moitos dos nenos da época. Salomé e o seu “Vivo Cantando”, que na preselección defendera a nosa Ana Kiro, volveu darnos outra alegría e dous anos máis tarde sería Karina quen non puxera ao borde dun ataque de nervios estando a piques de traer o trofeo para a casa, quedando finalmente nun meritorio segundo posto, superando o cuarto que o ano anterior conseguira o “Gwendoline” de Julio Iglesias. Eran tempos gloriosos coroados pola impresionante interpretación do “Eres Tú” que levou a Mocedades ata as portas do triunfo, tendo que conformarse tamén coa segunda posición, pero facendo que a canción de Juan Carlos Calderón entrara nas listas de éxito de toda Europa e mesmo de Norteamérica, corría o ano 1973. Un segundo posto tamén conseguíu Betty Missiego en Xerusalén, co tremendo disgusto da artista cando víu que  o xurado español lle daba a victoria ao País anfitrión. Contaríame Betty nunha das súas visitas ao “Supermartes” que daquelas perdera os 25 millóns de pesetas que lle pagarían por facer unha xira europea como gañadora do festival, co que iso supoñía tamén de proxección internacional. Tivo que pasar bastante tempo para acadar de novo posicións interesantes, desde o terceiro posto de Bravo con “Lady Lady”  no 84 ata outro segundo posto conseguido por Anabel Conde que no 1995 nos puxo a pel de galiña cantando o “Vuelve Conmigo” de Chema Purón, nunha das mellores interpretacións que se recordan na historia do Eurofestival.

Ben é certo que aínda sen gañar ou con posicións discretas houbo grandes momentos eurovisivos dos nosos representantes, desde as magníficas cancións que Manuel Alejandro compuxera para Raphael, ata o “Bailar Pegados” de Sergio Dalma que acadou en Roma un meritorio cuarto posto, ou o quinto conseguido por Azúcar Moreno con fallo de play-back incluído, ou ese gran momento no que media España estaba pendente da “triunfita” Rosa López que finalmente tivera que conformarse coa sétima posición. 

Os máis militantes nunca perdoaremos que no ano 2008 TVE deixara coar a paiasada do “Chiki Chiki” co que sentimos auténtica vergoña e na que moitos artistas sentiron que a canle pública tiraba por terra as súas aspiracións; ou ese momento no que saíu elexida, por votación maioritaria dos telespectadores, a nosa Lucía Pérez, tendo que cantar unha canción que ela non quería e que, a pesar dos pesares, defendeu con uñas e dentes no escenario de Düsseldorf, no que foi para min o mellor festival da historia en canto a organización e posta en escea, e no que Lucía estivo sinxelamente soberbia.

Te puede interesar