Opinión

Eu era Carlitos

O bo que tén estar abonado a algunha das plataformas televisivas de pago é que, ademais de ver moitas pelis e algunhas series, podes ver os programas cando che peta; a min pásame sobre todo coas noticias, que as fago coincidir co meu xantar e a miña cea, que non teñen que ser necesariamente a esas horas nas que case todo o mundo se pon diante do prato.

Esa é a explicación de porque falo con dúas semanas de retraso do final da exitosa serie “Cuéntame”, que eu deixei de seguir hai xa bastantes anos, pero á que lle quixen ver como lle resolvían o final, ben resolto por certo, e se eran capaces de emocionarnos como o fixeran en moitos dos capítulos emitidos. E aínda que por ver o capítulo final fóra do seu horario programado non formei parte da gran audiencia que esa noite colleitou a canle pública, si que formei parte da enorme lexión de españolitos que con máis ou menos fidelidade fomos vivindo os avatares da familia “Alcántara”. 

Tanto é así que non me conformei soamente con ver como Carlos xuntaba de novo a toda a familia, senón que unha vez rematado ese cúmulo de emocións tragueime de novo o primeiro capítulo da serie que TVE, moi aguda, emitíu a continuación. ¿Cómo non ía facelo se o gran reclamo era o Festival de Eurovisión no que Massiel puxo en pé a todo un País co seu “La La La”, que para moitos de nós quedou para a historia como un dos grandes himnos da banda sonora das nosas vidas. É a mesma sensación que un neno de oito anos puido ter cando a Selección Española de Fútbol gañou o Mundial.

Eu era Carlitos naqueles primeiros capítulos; a televisión chegou á miña casa nas mesmas datas que chegaba á casa dos “Alcántara”, case que xustiño para ver como Massiel lle pasaba por arriba ao gran Cliff Richard, que co seu estupendo “Congratulations” tivo que conformarse co segundo posto xogando na casa no “Royal Albert Hall”, mentres á presentadora Katie Boyle quedáballe cara de leite fervido. A sala da familia televisiva podería ser tranquilamente a nosa sala das ”Casas Baratas”, onde nos xuntamos unha morea de veciños para ver o Festival, mesmo traendo cada un dos asistentes a súa propia cadeira. A cociña tiña os mesmos mobles de formica que tiñamos todos nós, e os pratos, por suposto, eran do eterno “Duralex” que agora volveron poñerse tan de moda nas tendas de deseño e vintage.

Para completar ese “momento nostalxia” estes días tamén vin a divertida e recomendable película “Te Estoy Amando Locamente”, que me levou directamente a outra época ben bonita da miña vida, a marabillosa Transición, que me pillou de cheo estudando no Colexio Universitario do Posío. ¡Que tempos tan estupendos! Estaba todo por facer, e o mesmo que o protagonista da película loita por concursar e gañar “Gente Joven” mentres escapa dos “grises”, eu o mesmo pertenzo á ilegal MGR que gaño o Festival da Canción Misioneira; algúns estaredes rindo coa comparación, pero xúrovos que sair do Salón de Actos das Carmelitas co trofeo era como volver de gañar o Festival de Benidorm. E o máis importante, sair ao día seguinte a toda plana en “La Región” coa sempre estupenda foto do querido “Reza”.

Xa vos dicía a semana pasada que estes son días para os gratos recordos, e para min volver escoitar o “La La La” é ver a alegría de Carlitos é como volver a aquel Paraíso da infancia alaricana, con moito frío, pero Paraíso.

Te puede interesar