Opinión

Eurovisivos por Vigo

O certo é que poucas veces me teño emocionado tanto vendo Eurovisión como nesa edición na que Portugal recibía os 12 “points” dun montón de países, incluídos os dos “eurovisivos” que nos reunimos cada ano para vivir intensamente este espectáculo que tanto da que falar, incluso para ben. Eu confeso que case sempre fago unha das chamadas votando ao País irmâo, como na pasada edición onde me cativou a canción “Saudade Saudade”, interpretada estupendamente pola cantante Maro, aínda que a miña favorita fora sen lugar a dúbidas “Space Man”, a canción representante do “United Kingdom” interpretada por Sam Ryder, que de non ser porque Europa votou con corazón ucraíno houbera gañado o Festival, seguida moi de preto pola representante española, quen fora seleccionada nun “Benidorm Fest” que moitos de nós seguiremos pensando que estaba amañado para que as nosas “Tanxugueiras” non se alzasen co triunfo. Aínda que realmente gañar gañaron, porque non paran de facer concertos por toda a xografía española, dando a coñecer un idioma tan marabilloso como o noso.

E falando de fenómenos eurovisivos, e desas actuacións que che quitan o salouco, dicirvos que hoxe a noite estará no “Plaff” vigués a cantante Anabel Conde, que a piques estivo de gañar o Eurofestival no ano 95 en Dublín, cunha soberbia actuación que xa forma parte do mellor que se ten visto e oído nun escenario Eurovisivo, coa canción “Vuelve Conmigo” do amigo Chema Purón, do que teño a honra de ter gravado algún tema da súa autoría.

Os amigos do “Plaff” xa van quentando motores con estes concertos que tanto gustan os eurofáns, como o do ano pasado coa nosa Lucía Pérez, que encandeou a un público entregado que ateigaba o local, como hoxe ocorrerá con Anabel Conde, unha artista que ao meu modo de ver non recibíu o respaldo merecido por parte de TVE, despois do seu impactante paso por Eurovisión, cousa que tamén lle pasou á nosa cantante do Incio; son desas cousas que un nunca sabe porque ocorren, como nunca saberemos que pasou coa votación do xurado o ano pasado no “Benidorm Fest”.

Te puede interesar