Opinión

Flores con vida

Co equipo de producción.
photo_camera Co equipo de producción.

Non teño nada en contra de que os cemiterios aínda sigan ateigados de centros de flores que aguantaron como puideron o tren de borrascas que veu encher ríos e encoros para acabar, temporalmente, coa pertinaz seca. 

Un inciso. Debatía hai uns días cuns amigos sobre o cambio climático e a cantidade de auga que se perde cada vez que nos visitan estas galernas de outono e inverno. E á parte da xa sabida insolidariedade autonómica neste tema da auga que eu tanto escoitaba como queixa permanente cando estiven vivindo en Murcia, non acababamos de entender como non se toma máis en serio algo que xa nos está afectando e que nun futuro moi próximo vai ser o gran problema de moitos países, incluído o noso, no que os seus habitantes van ter que bañarse en coca cola. Escoiteille xa hai moitos anos dicir a un deses profes que falan de algo máis que da súa materia que a próxima guerra mundial, salvo que a algún tolo se lle dea por premer antes o botón vermello, será unha guerra pola auga.

En nun precioso xarrón con auga, que é do que quero falar, teño ese tamén precisoso ramo de flores co que aparezo na foto, co que o equipo de producción do “Bamboleo” quixo agasallarnos a min e a Lucía Regueiro ao rematar de gravar un programa moi especial para todos o Equipo. E ao Equipo quero hoxe dedicarlle estas liñas. En televisión, como en case todo na vida, hai que estar moi ben acompañados para que as cousas funcionen, e eu sempre tiven a fortuna de contar con compañeiros estupendos que fixeron que todo saíse a pedir de boca, como os que aparecen na fotografía, non soamente polo seu grao de profesionalidade, senón pola sua categoría persoal. E pasaron xa máis de 31 anos nos que tratamos de entreter a un público que nos foi fiel en todo momento, facendo que moitos dos programas durasen décadas e que cando remataron o fixeran coa audiencia no máis alto.

Eu tamén lle envío hoxe, aínda que sexa de xeito virtual, un ramo de flores a todos e todas que os fixeron posible; e se me permitídes esta pequena pedantería, como dí o incombustible e fantástico Isi: “A min deixádeme traballar con Piñeiro que os seus programas son de longa duración”. Pero o certo é que duraron tanto porque procurei rodearme dos mellores, de xente con seiva nova e de “terremotos ” como Isi,  “O Furacán de Arca”, que é sen dúbida un dos mellores cómicos que tén este País, un País ao que coñece perfectamente, que o reflicte cada vez que conta as súas desternillantes historias, e que o adora cada vez que o ve na tele, o escoita na radio ou cando vai aplaudirlle nos moitos pregóns e actuacións que fai por toda Galicia. Para él tamén un gran ramo de flores, flores de vivos que son as mellores, as que se poden ver e sentir co seu recendo. Non agardemos a que a xente se vaia ao outro barrio para encherlle as lápidas de flores, que tamén, que as florísterías teñen que vivir, pero moito mellor facelo en vida cando podemos sorprender á xente que queremos. Eu aínda recordo con gran emoción o primeiro ramo de flores que me regalaron; foran as miñas compañeiras de Pedagoxía en Santiago que viñeron despertarme cun ramo con tantas rosas como anos cumpría. Algunha delas xa non está connosco como a querida Lourdes, e para ela especialmente e para todas as demais, vaian hoxe os meus ramos virtuais, nesta ocasión sen igualar rosas e anos cumpridos, por aquelo de non deprimirse demasiado.

Te puede interesar