Opinión

Infartos futboleros

Escribo este artigo poucas horas despois de que o Celta empate en Balaídos contra o Alavés, partido que non puiden ver por causas de forza maior, cousa que me alegro, non das cousas de forza maior que remataron en nada, senón polo resultado, que a moitos afeccionados lles pareceu un bo resultado despois do mal partido xogado polos nosos.

O certo é que estou levando cada vez pior os resultados deste Celtiña dos nosos amores, tanto dos vigueses como dos moitos ourensáns que, á parte dos “rojillos” do Couto, sempre tiveron no equipo do Centenario o seu referente na primeira e segunda división, aínda que esta última non queira ser nomeada por ninguén, sobre todo cando o equipo nos pon ao bordo do infarto coas sentidas bágoas de Aspas incluídas.

Por certo, como non tiven a oportunidade de escribilo, dicir que a min sí que me gusta o traballo musical de C. Tangana e colaboradores e cantareiras que fixeron unha canción, máis que un himno para o Centenario, realmente encomiable, que co seu video por momentos pon os pelos de punta. Agora xa soamente queda que o noso equipo estea á altura das celebracións, e nos vaia dando alegrías como agardo nos dea este luns nas Palmas.

Todo isto lévame a pensar nas broncas que teño co meu operador telefónico de pago co que trato de chegar a algún acordo de rebaixa na súa desorbitada tarifa na que inclúa o paquete de fútbol completo, porque aínda que non poda confesarme un futboleiro acérrimo, sí que gusto de ver de cando en vez algún partido da “Champions”, moitos dese Atletic de Bilbao do que son seareiro desde os meus tempos no País Vasco, e dese Real Madrid ao que me enganchei cando hai moitos anos cambiei a miña militancia polas cancións de “Quilapayún” por aquelas reunións deportivo-gastronómicas tanto na casa do director da Universidade Laboral, Xosé María Carballeira, cos sempre amigos e profesores Adolfo Salgado e José Luis Llamas, e as infartantes xornadas gastronómico-deportivas vividas na casa da miña querida filósofa Geni Viétez e o seu marido, o empresario Antonio Gallego, onde o Madrid dos nosos amores case nos manda anticipadamente para o outro barrio con aquelas terribles ligas perdidas en Tenerife, cun colexiado García de Loza que anos despois recoñecía o error garrafal, en tempos nos que o “VAR” non podía axudar a pitar ou non pitar un penalti decisivo. Estabamos a inicios dos 90 e eu volvera ao mundo do fútbol desde que a “Quinta do Buitre” fixera que moitos nos engancharamos, despois dun tempo “Che Guevara”, ao deporte que practicabamos, algúns bastante mal, ao deporte da infancia no adro de San Benito de Allariz.

E con todos estes recordos cheguei á conclusión de que non vou seguir pelexando de momento coa miña operadora televisiva, que non quere escoitar esa conversa que din gravar cada vez que contactas con ela, e que meses me ofrecía unha oferta tentadora na que sí incluía todo o fútbol e que hoxe negan, curiosamente non atopando dita conversa. Entre que me decato que estou falando con persoas seguramente mal pagadas, e que non quero “palmala” cos últimos dez minutos do Celta, decido non seguir pelexando e dedicarme a ver novamente os capítulos da sempre marabillosa serie “Aquí no hay quien viva”. Se me interesa o resultado futboleiro, doulle para atrás ao aparatiño e xa está.

Te puede interesar