Opinión

Invasión portuguesa

Non sei se por Chaves aumentou o movemento transfronteirizo en días sinalados de mercado ou da fin de semana cara as vilas da comarca de Monterrrei ou mesmo á capital ourensá, onde o reclamo do termalismo terá que ter dunha vez unha aposta decidida para darlle o pulo que precisa ese lema que figura nalgún cartel e que convida aos forasteiros a visitarnos ofrecéndolles unha “Ourense, Capital Termal”.

Pero por este outro lado, o de Tui e Valença a cousa non fixo máis que medrar desde o fin da pandemia, recuperando aqueloutros momentos, ben diferentes, nos que que o antigo Náutico s eenchía de autocares con centos de veciños lusos que armados de neveiras portátiles tomaban por asalto os xardíns con vistas ao porto de iates. Aínda non eran tempos de moita praia, eran máis ben tempos nos que abría as súas portas “El Grande de los Grandes Almacenes”, isto é, “El Corte Inglés”, que facían o seu agosto cada fin de semana, xa que o máis parecido, que non se parecía nada, que había perto da fronteira era “Somartis”, aquela curiosa “loja” situada á entrada de Viana do Castelo reclamando a nosa atención cun enorme cartel que nos convidaba a visitar “Os Grandes Armacéns de Portugal”, onde eu por certo merquei a miña primeira cadeira de madeira de “director” que aínda conservo como ouro en pano, e fálovos de hai mais de corenta anos, en tempos nos que atravesar a fronteia de Tui pola ponte vella podía ser un acto de penitencia total con máis de catro horas de espera. Todo fora polas botellas de “Casal García”, un par de toallas e un xersei para o inverno cos que viñamos de volta cara Ourense.

Hoxe as cousas son ben distintas tanto para os que imos como para os que veñen; centos de portugueses que celebran por estas terras as súas despedidas de solteiro, facendo o que nin de broma se atreverían a facer no seu País; neso seguen sendo moi “sigilosos”, e dígollo eu que convivín con eles catorce anos. 

Nós, xa sabemos, somos igual de vociferantes nun mercadiño de Bouzas como no de Vilanova de Cerveira, onde nos abastecemos de toda canta “marca” precisamos para vestir a nova tempada de moda. Eu confésovos que algún “Gucci” anda metido polo armario da casa, e dá o pego como se dun orixinal se tratara.

Pero hai algo que non cambiou nada nos últimos anos e puiden comprobalo esta semana que se me ocourreu ir dar un paseo a “Samil”. O idioma máis escoitado polo paseo da praia era con diferencia o portugués, e por se había algunha dúbida, nos areais resaltaban os “paraventos” que os portugueses precisan para as súas fermosas pero moi ventoladas praias, e aquelas mesas de pedra que hai no piñeiral, que noutrora eran ocupadas polos ourensáns, son agora “propiedade” dos pasaxeiros de autobuses e coches particulares portugueses, ben madrugadores que chegan aos areais cando aínda non se disipou a néboa, e como ben dicía un amigo meu de Vigo, estudante na Laboral de Ourense, dá para montar unha empresa de “avoas vixiantes” de cartón que, ao igual que as de carne e oso, tomen posesión do lugar e podan ir ao baño de cando en vez. 

Porque, queridos amigos, xa o cantaron hai dous anos o Grupo “Vacalouras” e o sempre divertido cantante de Vila Praia de Áncora, Quim Barreiros, si, o dos “Peitos da Cabritinha”, cando no seu video de youtube nos recordan de xeito ben simpático que “O Samil é Portugal”. Non temos ningunha dúbida querido Quim.

Te puede interesar