Opinión

Lembrando os inicios do OUFF

Sempre recordo con cariño aquela segunda edición do Festival que vivín intensamente co privilexio de exercer de mestre de cirimonias nos actos de Apertura e Clausura no Teatro Principal, alá no ano 1996.

Lóxicamente non vou falar aquí de todo o que evolucionou o noso Festival de Cine, con momentos delicados para a súa continuidade, pero con persoas e institucións que sempre estiveron aí, como o xornal “La Región”, para non deixalo caer. Eu penso que hoxe está moi ben apuntalado pola Deputación de Ourense, co ímpetu da Fundación Carlos Velo e da dirección artística de Miguel Anxo Fernández.

A día de hoxe, xa cunha proxección internacional realmente importante, non deixa de ser o gran escaparate da Producción Audiovisual Galega, e segue a ser o punto de encontro para os profesionais do sector. Quixera facer aquí a miña homenaxe particular a todos aqueles que en Ourense fostes quen de manter a ilusión polo cine no querido Cineclub Padre Feijóo. Non foron poucas as películas ás que asistín, ainda que algunhas delas me sobrepasasen e soamente as comprendese medianamente ben no coloquio posterior. Eu tiven a fortuna de que con soamente trece anos poder apuntarme á actividade de “CineClub” tanto na Universidade Laboral de Cheste como na de Eibar, onde as películas proxectadas xa eran un chisco máis complicadas, moitas delas dos Países do Leste e subtituladas. Recordo algunha que me gustou especialmente aos meus quince anos como “El Muchacho de los Cabellos Verdes” de Joseph Losey, e recordo tamén como participaba no coloquio o alumno de enxeñería e amigo Imanol Arias, quen logo sería o gran actor que hoxe é, recordado por todos na serie “Cuéntame”, e o ser para toda España o “Lute”, obtendo por elo a Concha de Prata como mellor actor no Festival de Cine San Sebastián, alí no seu País Vasco querido, nunha edición na que a súa compañeira protagonista Victoria Abril levou a de Mellor Actriz.

E falando de premios e de xente importante no mundo do cine que pasou por Ourense, co meu recoñecemento a todos e todas, volvo a esa segunda edición para recordar a cea inolvidable cun grupo de bos amigos que “La Región” reuníu, na que o Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense a título póstumo, o gran José Luis Cuerda, foi quen de meter entre peito e costas un queixo enteiro do País, entre outras viandas, mentres contaba mil anécdotas da profesión, incluídas as dun moi noviño Alejandro Amenábar, que tamén nos acompañaba despois de levar un montón de premios “Goya”, entre outros os de Mellor Director Novel ou o de Mellor Pélicula por “Tesis”, que  foi producida por José Luis Cuerda sen apenas coñecer ao que logo sería un gran director de cine. Eu teño que dicir que é posiblemente a película que máis me tén impactado.

Pois alí que estivemos, na “Casa de María Andrea” de Ourense ceando e rindo, sobre todo rindo das moitas anécdotas que poden sair da boca destes xenios. Aínda estaban por chegar “El Bosque Animado”, “A Lingua das Bolboretas” ou “Los Girasoles Ciegos”, agrandando a ourensanía de Cuerda, ou “Abre los Ojos”, “Los Otros” ou a oscarizada “Mar Adentro”, onde Galicia volve estar totalmente presente.

Nunca esquecerei aquela cea, non sabiamos que estabamos diante de dous xenios da cinematografía que estiveron moi felices nesta edición do Festival de Cine Independente de Ourense. E eu, máis feliz aínda, por virme para a casa cunha preciosa “Calpurnia”.

Te puede interesar