Opinión

Os "lobos" de Davide Salgado

Ter ó cantor Davide Salvado no escenario é sempre un auténtico luxo, e eu tereino esta noite no “Bamboleo” para que nos cante cancións do seu novo disco titulado “Lobos”. Agardo que con el e coa presenza de Shaila Durcal e o resto dos convidados logremos o fito da semana pasada na que o programa converteuse non soamente en líder de audiencia en Galicia, senón que foi tamén o programa máis visto de todas as televisións autonómicas, cun público fiel para quen non me canso de darlle as gracias por estar sempre aí connosco.
Pois chega de novo o sempre impactante Davide Salvado con cancións saídas da Galicia máis pura e salvaxe, no seu dicir, nun disco que dedica especialmente a todas esas mulleres fortes e anónimas, ás que eu tamén me levo referindo durante toda a miña vida artística, mulleres galegas que falan e cantan desde o corazón, e das que o noso artista aprendeu ritmos, coplas e danzas, que se traducen nun inmenso amor á terra e á lingua.

Unha terra de lugares tan máxicos e fermosos como Santa Cristina de Ribas de Sil, onde Davide actuou o pasado sábado dentro da programación feita por “Ecos da Pedra-Sonidos da Terra” que na segunda edición segue apostando por este enclave marabilloso da Ribeira Sacra que moitos de nós consideramos desde sempre Patrimonio da Humanidade. Non esquecerei nunca unha excursión feita hai moitos anos cos meus amigos de Allariz disfrutando non soamente da paz reinante no mosteiro, senón da viaxe previa a pé entre os castiñeiros e carballos centenarios que marcan as vereas que nos levan desde Santo Estevo. Nunca deixo pasar unha primavera ou un outono sen achegarme a estes frondosos lugares onde a fusión entre a natureza e a arte provocan un dos maiores gozos que alguén poida disfrutar.


Pois en auditorios coma este é onde máis goza este “galán moderno”, como alguén definíu a Davide Salvado, un artista estudioso, investigador e autodidacta que, sen querelo, transguide as normas, viaxa por libre, soprende e entusiasma, cunha das voces máis carismáticas do noso País. Por iso non nos sorprendeu demasiado cando no 2014 foi elexido polo xurado internacional da WOMEX, gracias o seu espectáculo “O ladrón de amorodos”, realizado a trío co acordeonista Santi Cribeiro e o percusionista Cristian Silva, de quen presumo ter no meu repertorio a versión feita por el e polo grupo “Pandeiromus” da canción tradicional portuguesa “Milho Verde” tan popularizada polo Zeca Afonso.


Pois dos “Lobos” de Davide Salvado falaremos esta noite en “Bamboleo”,  e da súa curiosa relación co “home lobo” de Allariz, e de todo aquelo que este “divino” artista nos queira falar, porque se de algo gusta Davide ademáis de cantar é de conversar, na máis pura tradición oral galega. Por moitas destas cousas o xurado da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña que cada ano concede os Premios Alecrín vaille outorgar un deles no apartado de creación musical, nun acto a celebrar o 11 de agosto no Concello de Vila de Cruces, tal como me ten adiantado Manoel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona.

Te puede interesar