Opinión

Los satélites

Ben saben os compoñentes de moitas das orquestras que pasan polo “Bamboleo” que as admiro e respecto a todas, sexan das consideradas “moi grandes” ou sexan das máis modestas, que non precisan tres trailers para divertir á numerosa parroquia que congregan no campo da festa, desde a “Sesión Vermú” ata as altas horas da madrugada, cando xa soamente quedan os que agardan a que lle toquen algunha canción de “Los Suaves” antes de ir para a casa.

A min todo isto cóntanmo os compoñentes do programa máis verbeneiros; eu tamén o era, o que ocorre é que van pasando os anos e as vicisitudes da vida, e un ten que optar por aqueles espectáculos dos que podes gozar sentado nunha cómoda butaca.

Pero como sempre quero estar moi documentado sobre quen ven bambolear cada semana, voume a internet e podo tragarme unha actuación enteiriña de máis de dúas horas para ver por onde andan as cousas, que repertorio elixe cada orquestra, de todo o que move en cada actuación e de como responde o público. E o público responde sempre de marabilla, xa o facía desde hai uns anos nos que a xente nova se incorporou masivamente a este fenónmeno que o noso pobo galego ten claro que xa é “Patrimonio Inmemorial da Humanidade”, a nosa “Verbena Galega”; pero despois da maldita pandemia que todo paralizou, incluída a música, este fenómeno non fixo máis que agrandarse congregando moitos máis fieis que calquera dos artistas “nacionais” que alucinan co que ocorre en Galicia.

Eu, por aquelo de posicionarme, máis por amizade e “picar” que por outra cousa, sempre piropeo especialmente aos meus amigos de “Cinema”, que danse en seguir chamando “A orquestra máis agresiva de Galicia”, aínda que de agresivos teñan bastante pouco os irmáns Romero, almas máter da formación; porque é unha ledicia traballar con eles, como ocorre con César cando participa en moitos dos programas que emite a TVG. Téñolle especial querenza a estes irmáns; e téñolla tamén á que para mi segue sendo tantas décadas despois unha das máis grandes orquestras de Galicia, falo de “Los Satélites”, que leva subida aos escenarios desde 1938, colleitando éxitos e premios neste e no outro lado do Atlántico. Imaxinen a cantidade de compoñentes que por ela teñen pasado, aínda que moitos a lembremos desde a época dourada do gran cantante Sito Sedes, cando actuaban na verbena do “Combate Naval” nas festas de San Benito de Allariz, con tanta “ferretería de trompetas, saxos e trombóns” que había que colocar o palco en diagonal. Para min é un luxo tela no plató do programa e recibir ao querido Noly, unha das grandes voces masculinas da formación, todo simpatía, que ten namorada a toda Galicia; acompañado de Arturo Moreno, que un día chegou polo “Bamboleo” contándome que viña de terras madrileñas, a onde chegara tentado por un anuncio nas redes sociais que él lera o outro lado do Atlántico. Dito e feito, colleu os seus bártulos e presentouse en España para ser cantante, e aí estivo ata que alguén lle falou do noso programa e para aquí que se veu, e a min pareceumte todo un pedazo de artista, e augureille que en breve volvería á nosa Terra para formar parte dalgunha gran orquestra; e aquí o teñen en Los Satélites, nada menos, demostrando que eu non me equivocaba, e cun presente e un futuro realmente prometedor, tamén como solista, onde demostra igualmente o pedazo de artista que é.

Te puede interesar