Opinión

Luces e multitudes

As rúas de Vigo, ateigadas de xente durante o encendido das luces do nadal.
photo_camera As rúas de Vigo, ateigadas de xente durante o encendido das luces do nadal.

Cometín a loucura de saír e formar parte da “marabunta” que ateigou rúas e prazas do centro de Vigo para presenciar o aceso das “Luces de Nadal”. Digo a loucura porque as riadas de persoas que ateigaban todas as rúas do centro da cidade eran das que fan historia; e aínda que a maioría iamos pertrechados coa nosa máscara, aínda había moita xente que non acababa de enterarse de que se non pomos remedio podemos pasar un Nadal parecido ao do ano anterior, isto é, cada un na súa casiña. Esa distancia de seguridade que nos piden insistentemente desde os comités clínicos brillaba pola súa ausencia, como brillan os vídeos que colgan en Instagram algúns coñecidos meus das súas noites tolas de discoteca, cantando, saltando e bebendo sen que eses engorrosos tapabocas aparezan nin sequera colgados do pescozo. Agardemos que as vacinas cumpran o seu cometido e que os irresponsables e insolidarios que seguen sen poñelas recapaciten e deixen de xogar coa vida dos demais.

Pero o certo é que me deixei contaxiar por ese anticipado espírito navideño co que a cidade olívica quere adiantarse ao resto do mundo, e por aí andiven, no medio da multitude que enchía entre outros lugares o reservado ao coqueto Mercadiño instalado na Alameda; e aínda que os recendos e as viandas e bebidas que se ofrecen nos diferentes postos non teñen nada que ver, o maxín fóiseme inmediatamente a esoutro Poboado de Nadal que se instala cada ano ao carón do Arco da Defensa parisino, que teño visitado en varias ocasións, e do que recordo, ademais do aroma a viño quente e salchichas, o intenso frío que non che permitía quitar nin o gorro nin a bufanda para facer as fotos que máis tarde colgabas no instagram ou mandabas á familia e amigos, porque nese momento se quitabas os guantes corrías o risco de quedar sen dedos por conxelación inmediata. Este “Village de Noël de La Défense” din que é o mercadillo máis grande e auténtico da rexión Ile de France; a min a verdade é que me gustou sempre moito e nunca deixei de visitalo pola ponte da Constitución, cando a saúde e a pandemia nolo permitían, e mesmo cando neses catro ou cinco días en París o termómetro non subía de dous graos baixo cero.

O pasado sábado a climatoloxía quixo aliarse con nós, e quedou unha tarde e noitiña de temperatura agradable que nos permitiu estar como papanatas vendo como xiraba a imponente noria para a que se formaban longuísimas colas, ou ver como todos os pais querían inmortalizar cos móbiles aos seus nenos montados nos “caballitos” ou nas góndolas dos carruseis venecianos de dous pisos, realmente fermosos e que tamén levaron o meu maxín ao que sempre está instalado a carón da Tour Eiffel na Praza do Trocadero. París, é sempre París.

E Vigo, é sempre Vigo. E aos que aínda nos queda un mínimo espírito de Nadal sempre agradecemos que á noitiña soen as panxoliñas, aínda que a dirario as rúas e terrazas estean prácticamente vacías, tamén debido ao intenso frío que fixo, agardando a chegada da fin de semana de bullicio e multitudes, onde entrar en coche á cidade olívica a determinadas horas é un acto de heroísmo. Eu pediría unha maior coordinación cos responsables da autopista para que avisen dos colapsos na saída pola rúa de Alfonso XIII desde que se inaugurou o Centro Comercial Vialia, e así poder buscar outra alternativa de entrada, aínda que sexa en helicóptero.

Te puede interesar