Opinión

Os nenos póñente ao día


Vendo este pasado domingo como bailaban as miñas sobriñas ao son do “Aire” das “Tanxugueiras” tiven claro, por se me faltaba algunha información, de que os tempos son outros e as cousas pasan a unha velocidade de vertixe. Aínda que son moi pequenas xa non lle soa raro iso de “perreo”, que a súa nai lle ten prohibido utilizar na casa, ou cousas polo estilo. Daste conta de que pasando dos 8 aos 9 anos xa non queren xoguetes polo seu cumple e prefiren esas prendas de roupa que as converten en auténticas preadolescentes; sexan uns pantalóns de campá, unha suadeira-top ou a preciosísima gabardina da foto que a tía Marta atesouraba na súa tenda “Piplot” de Allariz facendo que a nena Sira, que ese día cumpría 9 anos, se sentise como unha modelo francesa da era Brigitte Bardot. Non quedaba atrás a súa irmá Laura que se apunta a todo o que signifique festa, estreando unha mini saia que volve estar tan de moda, e a pequerrecha Area entre tanto, e sempre cos estupendos “out fit” que os seus pais se encargan de que luza, gozando como unha tola seguíndolle o ritmo ás súas primas maiores, mentres o pequeno Xurxo, duns mesiños, alucinaba sorrinte con todo o que vía  e escoitaba ao seu arredor. 

E conto isto porque hai que ver como cambian as cousas en pouco tempo; cando chegan novas criaturas á casa, cunha bisavoa que goza a tope deles e cuns avós e tío-avós que se antes apuraban o café para emprender viaxe de volta a Vigo, agora prolongan a sobremesa o tempo que faga falla para gozar con todo o que estas nenas fan para divertirse e de paso facernos felices aos maiores. Tanto é así que o pasado domingo tiven que apurar ben a viaxe de volta para poder chegar a tempo de votar.

Eu non sei se sempre foi así, ou os tempos van cambiando á velocidade daqueles “Concorde” que facían a ruta París-Nova York ata que se esnafrou un deles; pero seguramente tamén os pais de entón dirían o mesmo, porque a pouco que te descoidas e deixas de velos un par de semanas xa non son os mesmos. E nestes momentos no que todo é efémero e dura menos que un titular do antiguo “twitter” quedas alucinado co que lles podes escoitar a calquera destas criaturas cando volven do colexo ou de xogar coas súas amiguiñas; porque se todos tivemos unha etapa de crecemento no que volviamos tolos aos nosos pais con reiterativas preguntas de todo tipo, agora esas preguntas son como para un exame da ABAU. E non vaias pensar que todo queda resolto coa primeira resposta que se che vén á cabeza, ata que quedan convencidas non hai nada que facer, xa te buscarás a vida se pensas que a pregunta é moi comprometida para a idade que teñen. Aquí xa non hai idades, ou controlas ata a extenuación todo o que ven na tele, nos móbiles e nas tablets e investigas o que poden falar cos seus compañeiros, cousa de todo xeito imposible, ou senón terás que apandar cunha xeración que vivíu unha pandemia, que baila reguettón e que a pouco que te descoides con doce ou trece anos xa quere sair de botellón. ¡Non vos queda nada aos pais con fillos destas e outras idades!,  porque faríavos falla un exhaustivo manual pedagóxico para tratar de sair ben parados do “embolado”. Iso sí, mentres tanto gozade moito deles porque cando vos deades conta, tristemente xa non seredes os seus referentes e xa non bailarán para vós.

Te puede interesar