Opinión

NEUROVISIÓN

TESE DE LUCÍA


LATORRE PIÑEIRO


Non está mal volver ós templos do saber e comprobar como a pesar dos pesares hai novas fornadas de xóvenes que confían en que esto escampe dunha vez e poidan sacarlle partido a todo o aprendido entre os muros universitarios. Desta vez foi en Biolóxicas do Campus Compostelán, concretamente no Salón de Graos 'Severo Ochoa', onde asistín á lectura da Tese de Doutoramento 'Invasiones biológicas en Islas: dinámicas, impactos y gestión' defendida por Lucía Latorre Piñeiro, e que obtivo á máxima calificación de Sobresaínte 'Cum Laude' por parte do tribunal. Felicidade absoluta para esta ourensá que cursou estudos no Colexio 'Concepción Arenal' e no Instituto 'Otero Pedraio' para facer logo a súa carreira en Santiago e posteriormente ser becada polo CSIC para investigar sobre o tema das 'Especies Invasoras' nas Illas Baleares, concretamente en Cabrera e Sa Dragonera, e no Parque Nacional das Illas Atlánticas aquí en Galicia. Felicidade tamén para toda a súa familia que chegada de Allariz, Ourense, Lugo e Santiago quixo arroupar a Lucía nun momento tan especial da súa vida profesional, como especial foi a presenza no acto das súas estupendas avoas Mari Carmen Díaz e Rosa Borrajo que sentadas case en primeira fila viviron horas especialmente emotivas, mesmo departindo cos compoñentes do tribunal no refrixerio servido despois do acto académico e no posterior xantar de celebración. Un tribunal, por certo, chegado de Doñana, do IMEDEA-CSIC ou do Parque Nacional Illas Atlánticas que converteron a hora e media dedicada a preguntas nun ameno e interesante coloquio. Unha semana escasa tivo Lucía para festexar o seu doutoramento xa que este próximo luns sae rumbo ás Illas Seychelles cun contrato de traballo para a Organización 'Seychelles Islands Foundation' que se dedica á conservación de zonas Patrimonio da Humanidade. Botarémola de menos e desexaremos, o mesmo que lle desexamos a todos cantos investigadores galegos andan polo mundo que, por moi ben que lles vaia por outros lares, poidan volver se así o queren a esta súa terra tan necesitada deles. Xa notarían vostedes que falo coa paixón do tío que presume de sobriña. Pois si, non lles falta razón. ¡Felicidades miña nena e que che vaia bonito!


NOSTALXIA


DAS LAGOAS




Podería ser nostalxia da Lagoa de Antela pero non, porque cando eu nacín xa desgrazadamente non existía dito verxel; como moito fun pescar rás nalgunha ocasión ó canal que quedou, e abofé que picaron unha chea delas. Eu de quen sentín nostalxia, con permiso da Universidade Laboral, foi do Instituto das Lagoas de Ourense vendo 'La Región' deste pasado mércores na sección Xornal Escolar. Non podía ser doutro xeito xa que foi o último destino pedagóxico que tiven antes de incorporarme ó 'Supermartes', e onde supostamente podería volver se a 'audiencia' televisiva me dera as costas. Alí vivín dous excelentes cursos pondo en marcha o Departamento de Orientación Educativa e, por suposto, implicándome nas actividades extraescolares que tan ben comandaba a profesora Elvira, de quen sigo tendo un marabilloso recordo. Eran os tempos nos que o teatro cobraba especial protagonismo no Centro, tempos nos que Manuel Varela protagonizaba 'La última pirueta' de Alonso de Santos, o mesmo Manu que agora dirixe a Axencia de Modelos 'Luena' e que non para de organizar eventos como á última Pasarela de 'Obarco Aberto', ou máis recentemente 'A Modiña' que agrupou por segundo ano consecutivo nun vistoso desfile á Asociación de Comerciantes do Morrazo; para meterse xa de cheo na participación cos seus modelos no Desfile do Centro Comercial Aberto de O Carballiño, o próximo día 25 no Pazo dos Deportes 'Paco Chao'. Moitas veces os escenarios e salóns de actos dos centros escolares son o mellor complemento das aulas para ir forxando futuras carreiras profesionáis. E dígollo por experiencia.




VISITA Á FUNDACIÓN VICENTE RISCO




Foi un pracer o pasado domingo visitar con tempo e ben acompañado por Luis Martínez- Risco, Antonio Blanco e Luis Baños a casa alaricana da Fundación Vicente Risco, mentres falabamos dunha pequena colaboración que me pide meu amigo José Luis Quintana 'Pilís' e que estarei encantado de facer na mediametraxe de adaptación do relato 'Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros' de Vicente Risco. Son, como sempre ocorre en Allariz, moitas as persoas implicadas no proxecto e eu estarei encantado de ir narrando o que na historia vai sucedendo. Ireilles dando cumprida información.

Te puede interesar