Opinión

“Os piñeiro”

Encontro dos Piñeiro en Allariz.
photo_camera Encontro dos Piñeiro en Allariz.

Visto o título, mesmo parece que imos meternos de cheo nalgunha saga televisiva; nin tal cousa, dame a impresión de que as vidas de todos os primos que nos reunimos hai unha semana para xantar no restaurante “Acea da Costa” de Allariz igual non dá para tanto; o que sí dá é para deixar claro que foi marabilloso xuntarnos, como marabilloso foi o lugar elixido ás beiras do Arnoia, cunha temperatura primaveral e cunha atención por parte do persoal realmente fantástica. A iniciativa foi totalmente acertada por parte de Fran, Pepín, Pepita, Elías, quen non parou de cantar, e algúns máis, xa que servíu para reencontrarnos moitos anos despois os primos, e fillos de primos, chegados desde moitos puntos do país, ao igual que os meus irmáns Ángeles, Xaime e Marta, e servíu para recordar aqueles momentos nos que todos eramos moito máis novos, e para brindar e cantar polos avós e os nosos proxenitores Celsa, Claudina, Rosalía, Pepe, Elías e Manolo, cun recordo moi agarimoso para o primo José Antonio.

As horas que alí estivemos tamén deron, ás veces absortos mirando ao río, para lembrar cando a prima Teresita de Canarias chegaba de vacacións cuns pantalóns acampanados que aquí aínda non se viran nin por asomo, e que facía que alguén murmurase polo baixiño, facendo que o primo Manolo dixese aquelo de “como se lle peta traelos tres veces máis anchos cos que quitarlle o pó ás rúas alaricanas”; así era o primo Manolo, que durante a miña época de COU na Coruña levábame na madrugada dos luns a todo o que daba o seu “127” para poder chegar eu a clase e el ao toque de diana no cuartel de Parga. Estou convencido de que ás veces viaxaba con nós un anxo da garda; pero claro, tiña que aproveitar ata o último minuto coa súa querida Ángela, e non era cousa de deixar o domingo a medias na discoteca “El Mesón”, a onde iamos todos a bailar ben pegados os útimos éxitos de Demis Roussos, anos despois de envexarlle á prima Mari Carmen o poder ir bailar ao “Club” do “Chicha” ao ritmo de “Los Arquinos” ou do “Cartagenera Morena” saído do Pick-Up.

Tamén servíu este reencontro familiar dos “Piñeiro” para sentírnos orgullosos dos nosos pais e nais, incluídas as dúas Rosas que a Deus gracias están entre nós. Sentir que desde as forxas de Vilaboa e Allariz os nosos ferreiros desprendían e seguen desprendendo, como Luis e Jamín, bo facer e simpatía, sendo ben queridos por todos aqueles que ata alí se achegaban para encargar arados para Celanova ou mesmo Ponferrada, ou para retocar unhas rellas ou afiar uns fouciños. Non vaian pensar que podo presumir moito do oficio, porque a miña nai soamente conseguíu que nalgunhas vacacións de verán fora facer algúns buracos no ferro mentres o meu pai facía soar aquel martinete que lle ía dando forma ao ferro incandescente. Non debín durar nin quince días na forxa; ali quedaron dándolle duro os primos Manolo e José Luis, ao que sempre lle agradecerei que me ensinara a conducir polas corredoiras de Meire no flamante Renault “catro latas”

Mentres tanto a querida tia Celsa de Canarias era quen de enviarnos por correo un fantástico radio cassette camuflado nun paquete que poñía no exterior: “ropa usada”. Aínda hoxe non sei como o facía aquela muller que compartía simpatía e cariño coa tía Claudina de Oviedo, onde sempre parabamos cada vez que volviamos do País Vasco de pasar uns días cos outros primos, os “Borrajo”.

Te puede interesar