Opinión

Paquita Rumbao

Pois sí que coincido con Maribel Outeririño cando escribe esta semana polo pasamento da alaricana Paquita Rumbao que debería ter deixadas publicadas unhas memorias, xa que seguramente tería infinitas anécdotas, segredos e confidencias que contarnos de todo o que se cocía no Madrid dos tempos nos que ela aparecía retratada no “ABC” con case todo un Consello de Ministros, cun pé de foto onde puña o nome de todos eles e a lenda “rodeados de la inefable Paquita Rumbao”, facendo que eu tivese que mirar no diccionario o que significaba a palabra “inefable”, moi pouco usada daquelas por estes lares. Comprobei para a miña tranquilidade que significa “que non se pode explicar con palabras”; e seguramente foi así, inefable, parte da vida desta muller á que os nenos de Allariz viamos como un auténtico rei Midas alucinante e exótico, cando chegaba cada verán co seu impecable “Mercedes” e se instalaba na súa estupenda casa con vistas ao Arnoia, onde eu estiven en máis dunha ocasión por aquelo de que a miña nai tamén lle confeccionaba algunha das prendas que ela lucía como ninguén. Porque Paquita era moita Paquita; a comisión de festas de San Benito agardaba por ela como auga de maio para que engordase algo a recadación para contratar orquestras, bandas e fogos para o “Combate Naval”; nalgunha ocasión mesmo colaborou totalmente para mercar un coche que logo se sorteraría, e noutra tivemos a esperanza ata o final de que ela salvara unha edición das festas que finalmente non puido ser, sendo a única vez que San Benito quedou únicamente acompañado da charanga “Hai que Roelo” do amigo Julito Babarro.

Para Paquita Rumbao tamén se reservaba o saque de honra dos partidos de fútbol que case sempre xogaban o equipo da casa contra os veciños do Antela ou do Maceda, salvo aquel ano no que o amigo Carriega nos trouxo ao Sporting de Xixón de Quini e Churruca que el adestraba para que competise contra o CD Ourense, converténdose o encontro nun auténtico fito histórico no Campo de Vilanova. Tamén as bandas de música paraban no seu percorrido de “alborada” diante da casa da ilustre alaricana, sendo recompensadas cunha boa ración de bebidas por aquelo de “mollar a palleta”.

Anos máis tarde, cando eu actuaba co meu grupo “Brasas” na Noitevella do Hotel San Martín, atopeime de novo cunha Paquita Rumbao máis espléndida ca nunca, vestida como unha auténtica raíña, con capa incorporada, e que relucía no medio da pista de baile como unha auténtica estrela ao lado do seu querido Colemán; non puiden por menos que dedicarlle unha canción, cousa que ela correspondeu cun bico e cunha botella de champán. E xa moito tempo despois daquel encontro volvimos vernos nalgunha outra ocasión polas rúas de Ourense, onde sempre tiñamos un momentiño para pequenas charlas nas que ela me confesaba ser seguidora acérrima dos meus programas de televisión, e me daba sempre as gracias por presumir das miñas raíces, do meu pobo e da miña provincia, cousa que ela tamén levou sempre como bandeira.

Eu nunca precisei saber moito máis da súa vida, quédome co pouco que coñecía dela, aínda que, repito, unhas memorias de Paquita Rumbao serían ben apetecibles. O meu recordo cariñoso para ela e para a súa familia.

Te puede interesar