Opinión

Perdeuse un gran deportista

Dame envexa cando chegan as miñas sobriñas Sira e Laura contándome os seus avances no patinaxe; entre outras cousas porque me afeccionei a ver dito deporte sobre xeo cos éxitos do noso campionísimo  Javier Fernández e a espectacularidade de patinadores como o xaponés Yuzuru Hanyü ou a coreana Yuna kim; sempre coa narración impecable en televisión de Paloma del Río, que non debería xubilarse nunca como locutora de deportes minoritarios, aos que ela fixo grandes no noso País ao longo dos anos nos que foi gañando un montón de adeptos. 

Xa me gustaría a min, na miña nenez, dispor dalgunha pista de patinaxe en Allariz, aínda que moitos alaricanos da miña época dirán que a cancha de baloncesto dos Salesianos servía tanto para un roto como para un descosido. Moitos aproveitabamos para xogar ao frontón, con paletas por suposto, que un non tén as mans dos xogadores vascos, deporte por certo ao que tamén estaba enganchado hai uns anos cando algunha canle televisiva o retransmitía os domingos pola mañá co gran xogo de pelotaris como Iñaki Artola.

Pero o certo é que na miña nenez o que se practicaba realmente era o fútbol nos atrios das igrexas, onde os cipreses facían de portería, e onde ao remate do partido podía organizarse un intenso intercambio de cromos para completar o noso album, no que sempre faltaban algúns dos xogadores máis importantes que se ofertaban a “prezo” de ouro, como os de Amancio, Pirri, Gento, Rexach ou Iríbar, por nomear algúns dos máis recordados. Xa vos contei noutra ocasión que eu, aínda que non son demasiado mitómano, sí que aproveitei para saudar ao lendario porteiro vasco no Hotel “Los Escudos” cando veu co Atletic a Vigo nunha destas últimas tempadas, e fíxome moita ilusión, porque desde a miña estadía estudiantil en Eibar sempre fun seguidor dos leóns de San Mamés. Na Universidade Laboral eibarresa pasaba como aquí en Galicia cando o Dépor e o Celta se enfrontan en primeira, os seareiros repartíanse entre o Bilbao e a Real Sociedad, e lembro as ducias de autobuses que pasaban por diante do noso centro educativo cando se xogaban os derbis vascos con recordados xogadores como Satrústegui, Urruti, Rojo, Uriarte ou o mesmo Iríbar. Ir a San Mamés a ver un partido en directo foi unha desas cousas que non se me esquecen, como cando fun ao Bernabeu ver gañar ao Celta nos mellores momentos de xogadores emblemáticos como Borja Oubiña.

Dito todo isto, teño que confesar que nunca fun moi deportista, e aborrecía as clases de ximnasia, unhas por demasiado militarizadas como nos Maristas, e outras porque nunca entendín para que servía esnafrarse contra o “potro” e o “plinton” á hora de facer exercício. Por aquelo de facer algo, ademáis de xogar o fútbol e o futbolín na tenda do Rufino, xoguei un ano ao “Minibasket” no Seminario Menor, co pracer de que as canastras estaban á altura  dos que coma min eramos uns tipazos. O momento que máis lembro daquelas é unha especie de manifestación deportiva polas rúas de Ourense cantando a todo pulmón un himno, xa en galego no ano 69, que dicía “Somos os minicanteiras do baloncesto español, a amizade e a nobreza guían o noso corazón…”

Recuperei anos despois de non facer nada a afección ao deporte cando abríu o ximnasio “Squash Ourense” da rúa Galicia, onde pasaba media mañá antes de ir traballar á Universidade Laboral. E xúrolles que non era moi malo.

Te puede interesar