Opinión

Punto e seguido radiofónico

Esta noite remato, polo momento, a miña andadura “radiofónica” que veño facendo desde que no ano 92 me enrolara nos medios de comunicación galegos.

O motivo deste parón nas ondas, non é outro que botarlle unha man ao meu amigo Gayoso que me pide incorporarme de novo ao Xurado de “Recantos” deste noso  “Luar” que está celebrando os “30 Anos” de exitosa andadura. E faino porque, aínda sabendo que a miña saída do mesmo veu motivada porque cada día gusto menos de trasnoitar, e o programa remata un chisquiño tarde, ás veces chegando ás 2 da madrugada, nesta ocasión non podía dicirlle que non polo feito de que Manuel Andrade sufríu un aparatoso accidente de coche que o ten prostrado no Hospital de Santiago desde hai algunhas semanas. Por certo, estíveno visitando esta semana e parece que todo vai polo bo camiño, aínda que nestas cousas de traumatoloxía non todo vai o rápido que un quixera. Desde aquí o noso cariño para este “home de negro”, alma máter da sección do programa que nos amosa que en Galicia hai moita canteira de voces en todas e cada unha das comarcas polas que se presentan os candidatos a levarse o estupendo premio, que normalmente teño a honra de anunciar en cada edición. A conto disto faime gracia recordar cando na edición gañada pola carballiñesa Maret, desaparecida en combate e unha das mellores voces que teño escoitado sobre un escenario, o cantante coruñés Hugo Torreiro, que obtivo un máis que meritorio segundo posto, e ao que me une unha gran amizade desde que me enterei que o seu avó foi titor meu cando fixen COU na Universidade Laboral da Coruña, e o máximo responsable de levarnos a “Fuxan os Ventos” a actuar cando este marabilloso grupo do que sempre fun e son seareiro incondicional, aínda nin tiña publicado o seu primeiro disco. O amigo Rafa era un educador de pedagoxía combativa, nos tempos nos que o Zeca Afonso nos sorprendía a todos co “Grândola Vila Morena” e el nos explicaba o enorme significado daquela canción da Revoluçao dos Cravos.

Pois o seu neto Hugo Torreiro, cando fun felicitalo, díxome con toda a gracia e a naturalidade da súa xuventude: “Gracias Pi, pero Maret leva os miles de euros e eu un ramo de flores, co ben que me viña algo para pagarme a producción dun disco”. Comenteillo a Gayoso, e xa na seguinte edición había unha importante cantidade de cartos para o segundo clasificado.

E Hugo protagonizou moitos dos programas que eu fixen na Radio Galega, desde a queridísima e líder de audiencia “Sesión Vermú”, ata o nocturno “Bamboleo Radio” que esta noite remato, ¡ollo, a radio, non a tele onde seguimos acadando índices de audiencia estupendos! Centos de programas de comunicación directa cos oíntes, e por onde teñen pasado prácticamente todos os grandes artistas deste País, e todo aquel que quixo ter na radio un altofalante para os seus traballos musicais, sobre todo nos tempos de pandemia onde o que máis e o que menos precisaba dicirlle ao mundo que seguía aí, agardando a que escampara. 

A radio nin parou nin nunca vai parar, e eu, que son moi de deixar as portas abertas e remar cara adiante, non descarto volver cando sexa, cun novo proxecto para facer o que sempre me gustou, estar en permanente contacto con eses marabillosos oíntes, moitos novos e moitos dos que me seguen incondicionais desde aquel marabilloso ano 92. A todos e todas, bicos mil. Escoitámonos e vémonos esta noite “Bamboleando”.

Te puede interesar