Opinión

Recanteiros

A semana pasada presentabamos en “Luar” aos novos concursantes de “Recantos”. Todo eran nervios e emoción ao saberse elexidos para estar moitos meses diante das cámaras e darse a coñecer ao gran público de Galicia. Algúns coa experiencia que dá o ter formado parte dalgunha das nosas orquestras, e por tanto con máis relaxo para estar enriba do escenario, e outros cos nervios a flor de pel por ser case a primeira vez que se van enfrontar aos milleiros de persoas que cada venres son fieis a “Luar”. 

Non tiña eu pensado estar formando parte do xurado de “Recantos”, pero o accidente de coche do amigo Manuel de Andrade, que a Deus gracias vaise recuperando satisfactoriamente, fixo que Gayoso, ao que nunca lle digo que non, o mesmo que el non mo dí min, me chamara para botarlle unha man sen saber a duración da convalecencia deste membro do xurado imprescindible, e que algúns concursantes temen máis que a unha noite de treboada. Manuel volveu antes do previsto pilotando unha cadeira de rodas, porque iso de ver o  programa desde a casa, no que ti eres un dos piares básicos para esa última hora do mesmo, ponte dos nervios. E sei moi ben do que falo, porque non podo esquecer cando eu tamén vía desde a cama dun hospital os “Bamboleo” que eu mesmo deixara gravados, prometéndome cunha bágoa nos ollos que volvería a ese plató que tantas alegrías me deu e me da. 

Cando se reincorporou Andrade ao seu posto, o amigo Gayoso, que ten un poder de convicción incrible e que por riba de todo é meu amigo, pedíume seguir ata o final da tempada; e aí estiven encantado aínda que teño que confesar que para min xa son horas de madrugada cando rematamos, por iso lle fago sempre a gracia de pedirlle churros para ir almorzando. Non sei se é lenda ou é certo que Gayoso, que non para de falar desde as catro da tarde nos ensaios, logo “quentando” ao público e despois as catro horas de programa, se prepara un estupendo chuletón cando chega de madrugada á súa casa.

Gustoume moito ter ao meu carón á querida Laura Añón, excelente cantante e artista á que eu tiña entrevistado na Radio Galega cando despois de estar na Orquestra Finisterre se reconverteu, pandemia de por medio, en conductora de autobús escolar. Pero esta estupenda muller leva a música no sangue, e alguén que estivo tantos anos enriba dos escenarios non pode deixar de sentir os aplausos así como así. E agora mesmo, ademáis de ser xurado en “Recantos” segue cantando en solitario ou compartindo palco con outros cantantes tan estupendos como Angel Sevilla, un artista tamén moi querido polo público galego.

Pois con Laura e Andrade chegamos á conclusión de que este ano, con participantes estupendos e de gran categoría, o que tiña que alzarse co trunfo e levarse os cinco mil euros do premio que outorga o programa, era Óliver Insua, de Viveiro, que demostrou ao longo das diferentes fases da competición ser un artistazo, enfrontándose a cancións de tan difícil execución como o “Eloise” de Tino Casal, e moitas outras ás que sempre lle deu o seu estilo persoal. Cando máis me sorprendeu foi na gran final, onde deixando de lado o estilismo impactante do que tanto gusta, e presentándose no escenario con sobriedade e elegancia, cantou o tema de Billy Joel “O home do piano” dun xeito tal que nos deixou alucinados, dando mostras unha vez máis de que estabamos diante dun pedazo de artista, e que lle fixo gañar o “Recantos” de “Luar”.

Te puede interesar