Opinión

Reflexións vendo os Grammy

Aguantei o que puiden para ver unha boa parte da Gala dos Grammy Latinos, aínda que teño que confesar que moitos dos intérpretes participantes e premiados non son santo da miña devoción ou non os coñezo de nada. Non nomearei a ningún deles por aquelo de non facer refunfuñar aos seus seareiros máis militantes. Pensaba na cantidade de artistas aos que tiven o pracer de presentarlle os seus traballos discográficos como Ana Mena, que na gala estaba sendo entrevistada e que pode estar contenta de como vai a súa carreira tanto en España como en Italia, onde mesmo participou no Festival de San Remo. Ana veu ao “Bamboleo” acompañada, ou acompañando, a Omar Montes, artista que tamén estaba en Sevilla e que nos sorprendeu gratamente cando nos visitou; a min non tanto pola súa música como pola súa simpatía e colaboración; é un deses convidados dos que sempre digo que reman cara adiante e fan que os programas queden redondos; como sempre fixo tamén David Bustamante, que coa súa presenza tés garantida diversión ademáis desas cancións que gustan á maioría da nosa audiencia. 

Agás Bisbal, presentei a todos aqueles rapaces e rapazas que sen saber moi ben onde se metían saíron da academia de OT cunha enorme lexión de seguidores e con milleiros de discos vendidos de cada unha das galas emitidas. Dou fe de ter visto auténticas torres de CDs nas caixas do Corte Inglés onde o meu amigo Miguelito de Vigo, daquelas responsable desta sección dos grandes almacéns, non daba feito a vender exemplares. Sempre me dicía que aquelo era unha auténtica loucura e un fenómeno nunca visto.

E tamén reflexionei este xoves na cantidade de artistas saídos de OT e doutros programas formato “talent” que foron quedando polo camiño no máis duro esquecemento por parte daqueles que os adoraban. Sei de moitos casos, porque viñeron ao “Supermartes” no pico do éxito e tamén cando xa estaban na curva descendente”, que precisaron axuda psicolóxica para asimilar que despois de encher estadios como o Bernabéu nas xiras conxuntas tiveron que volver a coller a bandexa de camareiros, con todo o respecto para tan nobre oficio. Pero eu púñame no seu lugar e créanme que ía para a casa cunha sensación de desacougo importante. 

Eu, gracias á marabillosa audiencia incondicional que sempre me mantivo no máis alto durante máis de 31 anos nunca vivín unha situación parecida, pero podía entender perfectamente como se sentían os meus convidados, aos que sempre tratei de apoiar, foran galegos ou non, neste rincón do noroeste peninsular onde tanto gozamos da música. O éxito na maioría dos casos é efémero, salvo se eres Cher, Mariah Carey polo Nadal ou Madonna entre outros, e pode ser moi cruel se os fans son moi novos, porque o máis seguro é que te cambien á velocidade do raio por outros artistas emerxentes que gracias ás redes sociais ou ao empurre dalgunha casa de discos potente van desprazando e ocupando o oco que antes ocupaban outros.

Quen vos escribe é desa xeración que agardaba a que saíran os novos discos dos artistas ou grupos aos que seguiamos incondicionalmente, e aos que lle profesabamos e seguimos profesando verdadeiro culto, como Mecano, Radio Futura ou La Unión. ¿Cantos dos que apareceron nesta Gala dos Grammy Latinos manterán ese estrelato o tempo suficiente como para converterse en lendas da música” “Chi lo sa”.

Te puede interesar