Opinión

O rock redondo e a lume lento de Francisco Castro

Non podía ser un sábado mellor, e aínda que xa pasaron quince días, teño que falar necesariamente dos Premios da Crítica de Galicia e do concerto de Rock and Roll do escritor, editor e músico Francisco Castro.

Empezarei polo meu amigo escritor a quen sigo desde os seus primeiros libros que moi amablemente me facía chegar a través da súa editora, suliñando que a nosa amizade ben mesmo antes de coñecernos en persoa, cando saíu como un furacán a defenderme de alguén a quen non lle gustaba demasiado o que eu escribía, e amparado no anonimato aproveitaba para, menos bonito, dedicarme algúns “piropos” que curiosamente me cheiraron aos que tamén me dedicaba cando eu empezaba a aventura marabillosa de “Supermartes”. Daquelas tivera a valentía de firmar o que escribía, nesta ocasión optou pola covardía; e aí estaba este, para min, descoñecido escritor que defendía o traballo de “Superpiñeiro” como animador para moita xente que buscaba algo de diversión coa que esquecer os problemas do día a día, e por riba no galego mamado desde a nenez na súa casa de Allariz, idioma que empregou toda a vida para cantar nas orquestras cando apenas ninguén o facía, ou anos máis tarde escribir nese galego alaricano os seus artigos en “La 
Región” e “Atlántico Diario”. 

En tempos nos que as redes sociais aínda estaban en panos menores agradecín moito a defensa deste amigo ao que lle profeso sincera admiración. Creo que lín a maioría da súa obra literaria, e créanme que disfrutei e disfruto moito coa súa prosa, para min moi fácil de ler e comprender, tanto nas súas publicacións orientadas máis para adultos como as dirixidas a un público máis xoven. A multitude de premios e de exemplares vendidos en varios idiomas dan fé da súa categoría literaria. E por se fora pouco, este fan acérrimo dos Beatles, decide transmitirnos o que levaba moito tempo gardando para sí, a música, o Rock and Roll; e faino ao grande, rodeandose de productores e músicos estupendos que lle axudan a sacar un producto redondo cociñado a lume lento. 

En tempos nos que os artistas van sacando single a single el sorpréndenos cun disco completo cheo de boa música, con múltiples matices artellados durante 18 meses con pandemia de por medio. E como eu sempre dixen, un bo artista vese enriba dun escenario e en riguroso directo; e así foi a presentación de “Agora é o tempo”, que así se titula o disco; unha posta de longo impecable no vigués Teatro dos Salesianos, acompañado da estupenda “Banda dos Borges” que envolveron en todo momento a Francisco Castro agrandando o espectáculo, para goce de todos os que enchiamos o teatro, que ben poderiamos estar outra hora máis gozando de todo o que nos estaba ofrecendo, cunha música excelente e unhas letras saídas do fondo do corazón.

Agardo que entre os moitos premios que recibe o noso protagonista lle chegue pronto un dos “Premios da Crítica de Galicia” dos que celebramos en Vigo a súa 46º edición; lembrando que as súa orixes están naquel Círculo Ourensán-Vigués que tanto traballou na súa creación e mantemento, e que nesta edición recoñeceron e premiaron o encomiable labor do editor e presidente fundador Bieito Ledo, un home bo e xeneroso nacido en Padroso-Xunqueira de Ambía, onde no 2005 recibíu a distinción de “Fillo Predilecto”, un ano despois de que o Concello de Vigo o nomeara “Vigués Distinguido”. Foi un sábado marabilloso de cultura e rock and roll vivido entre amigos.

Te puede interesar