Opinión

“Saben aquell que diu”

A verdade é que esta película dirixida por David Trueba fíxome pasar unha tardiña de cine ben agradable, cunha mestura de sorriso e nostalxia, cun estupendo David Verdaguer, ao que moitos descoñeciamos, recreando a figura dun dos cómicos que máis impactou na sociedade española do momento; por algo levou con todo merecemento o Goya ao mellor actor protagonista; un actor cunha ampla traxectoria tanto en cine como en televisión ben recoñecida polos espectadores cataláns.

A película pareceume un estupendo traballo que me fixo volver anos atrás cando aquel cómico do taburete, o cigarro e o vaso de tubo facía partirnos de risa coa seriedade que o caracterizaba á hora de contar os seus chistes. Pero teño que falar, como non, de Eurovisión. Dín un respingo no sillón cando de repente recoñecín a aquel dúo catalán bautizado en castelán como “Los Dos”, que non eran outros que Eugenio e a súa compañeira Conchita, na película encarnada pola actriz Carolina Yuste, quen xa saboreara no 2019 o Goya á mellor actriz de reparto por “Carmen y Lola”. 

Aí estaba este dúo musical, presentado por Joaquin Prat e Laurita Valenzuela, cantando a miña canción favorita da preselección para acudir a Eurovisión de 1970. A canción era “La Balada del Maderero”, que escoitada hoxe soa bastante “ñoña” pero que naquel entón tiña o seu aquel. Competían contra figuras da talla de Mocedades, Nino Bravo ou o gran Julio Iglesias que conseguiría o triunfo coa fermosa “Güendoline” coa que obtivo un meritorio cuarto posto en Ámsterdam. Ese ano a victoria no Eurofestival foi para a irlandesa Dana, aínda que a miña favorita era “Sempre hai algún milagre”, cantada pola alemá Katja Ebstein que encandilou a Europa coa súa voz, conseguindo un estupendo terceiro posto, e co seu impactante estilismo que incluía unha minisaia non moi vista naqueles tempos por estes lares. Encantoume escoitar este tema moito tempo despois nunha festa multitudinaria no centro de Berlín nunha das viaxes que fixen á capital alemá hai uns poucos anos. 

E por dar outro apuntamento eurovisivo, recordar que Italia, que sempre envía grandes artistas a Eurovisión, que previamente pasaron polo seu Festival de San Remo, e que hai un par de semanas volveu paralizar o País con audiencias televisivas estratosféricas, ese ano de 1970 levou ao moi querido en España Gianni Morandi con “Occhi di Ragazza”, aínda que tivera que conformarse cun oitavo posto. O fenómeno “San Remo” é difícil de entender para os máis novos e os “talifáns” eurovisivos de última xeración, que alucinan vendo como calquera canción con calquera ritmo ou intérprete é quen de ser defendida no escenario do Teatro Ariston sen ningún artificio escénico, sen coreografías nin fogos artificiais; pero iso sí, cun pedazo de orquestra e uns coros en directo que nos dan unha sabia lección a toda Europa de como hai que respectar á música e aos músicos. Así non é de estrañar que os divos e divas da canción italiana de todos os tempos teñan pasado por San Remo por tratarse do mellor escaparate que pode ter un intérprete; un festival que combina artistas novos con propostas moi novedosas, como foi o caso do grupo Màneskin, que gañou Eurovisión no 2021,  con veteranos artistas consagrados ao longo dos anos, como a marabillosa Gigliola Cinquetti, gañadora tamén do Eurofestival uns aniños antes, alá por 1964, edición que eu vin, evidentemente en diferido, moitos anos despois.

Te puede interesar