Opinión

Sandalias con calcetíns

Faime moita graza ver aos adolescentes de paseo con grosos calcetíns de deporte brancos en plena canícula de xullo, e rilando ateridos en inverno cuns mini “pinkis” nos días de maior friaxe. Pero claro, as tendencias de moda son as que son, e se medio instituto vai así, “¿cómo non vou ir eu?”.

Estamos nunha época na que cada quen vai como quere, mesmo cunha chanca enriba da cabeza; pero claro, se lle botas unha ollada á prestixiosa revista de moda que acabo de mercar, daste conta de que as cousas non suceden porque sí, e o que pode parecer un acto de rebeldía ou de afirmación da personalidade, nin tal cousa; os dictames da moda xa veñen dados con meses ou anos de antelación, como ben se reflicte na película “El Diablo se viste de Prada”, que debo ter visionado unha ducia de veces.

Eses shorts que vas poñer en canto saia un chisco de sol e podas disimular o brancuchiño das pernas, e eses calcetíns que dan calor con soamente miralos, metidos nunhas horrorosas sandalias tipo turista alemán de cruceiros, verás que xa o propuxo a firma “Gucci”; o mesmo que ese xersei que parece roido polos ratos co que a túa nai non te deixaría sair nin para ir a un congreso de “perro-flautas”, xa o puxo no mercado a firma “Diesel” a un prezo desorbitante; aínda que nós teñamos que conformarmos cun modelo do mercadillo de Vilanova de Cerveira, onde proliferan os bolsos “Louis Vuitton”, comprados a esgalla polas clientas deste lado da raia, que os levan como quen leva un quilo de mazás. Por se alguén se sinte ferida con estas miñas palabras, dicirlle para a súa tranquilidade iso de “Yo pecador me confieso”; porque algúns “Tommy Hilfiger” ou “Emporio Armani” cerveirenses andan polo meu roupeiro agardando o día máis axeitado para lucilos.

Eu confeso que a moda é una das miñas paixóns, non sendo escravo dela, pero gústame ver por onde van as tendencias, e co paso dos anos comprobar que o que noutrora era considerado unha “horterada”, como os calcetíns brancos con zapato mocasín tipo Julio Iglesias, hoxe é parte dun “outfit” de rabiosa actualidade. Dá igual se a bermuda de raias vai combinada cun “trench” de la, que non sabes moi ben en que estación do ano estás; se o dixo “Prada” ou “Dolce & Gabbana, palabra de Deus, e a ver quen é o chulo que lles leva a contraria; e volvo remitirvos á película na que Meryl Streep está que se sae no papel de “Miranda”, e concretamente nesa escea na que co seu carácter imposible lle conta á boa de “Andrea”, papel encarnado pola fantástica Anne Hathaway, de onde sae o xersei de “baratiño” que leva posto.

Eu nacín e vivín moitos anos entre “figuríns” de moda, a revista “Burda”, e o “Corte e Confección” de ducias de rapazas que pasaron pola “costura” da miña nai, ás que lembro con moitísimo cariño; e igual é por iso que tanto me gusta a moda, que fixo que con 10 anos estreara uns pantalóns de campá que a miña nai tivo a ben facerme e levarmos ao Seminario Menor de Ourense, onde causaron auténtica sensación. Naqueles tempos boteille uns bemoles de moito nabizo; pero había que gañar o Festival da Inmaculada coa canción “Rosas en el Mar” de Aute poñendo toda a carne na grella, e a vestimenta tamén xogaba o seu papel, aínda que ao final tivera que conformarme cun segundo premio. Daquelas aínda non tiña eu a casaca que Gene Cabaleiro me fixera para o “Supermartes”anos despois, senón gañaba seguro.

Te puede interesar